A Coruña homenaxea a Castelao cun ciclo de conferencias no 75 aniversario do seu falecemento

ACoruñaXa
O programa 'Castelao e o seu tempo' celebrarase os días 6, 11, 12 e 19 de novembro na Casa Museo Casares Quiroga
A CORUÑA castelao
5 Nov 2025

O Palacio Municipal de María Pita acolleu este mércores a presentación do ciclo de conferencias 'Castelao e o seu tempo', unha iniciativa que conmemora o 75 aniversario do falecemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en Bos Aires. O programa propón unha reflexión arredor da figura, o pensamento e o legado do intelectual galego, e celebrarase os días 6, 11, 12 e 19 de novembro na Casa Museo Casares Quiroga.

A actividade está organizada pola Fundación Castelao e o Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, coa colaboración do Concello da Coruña, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega.

O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, salientou que o ciclo 'representa unha oportunidade para que a cidade da Coruña honre a Castelao coa altura intelectual e institucional que merece, reafirmando o seu papel como capital cultural galega comprometida coa memoria, a arte e o pensamento'.

Durante o acto de presentación participaron tamén Emilio Grandío Seoane, presidente do Instituto José Cornide e coordinador das xornadas; Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao; e Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística. Todos coincidiron en destacar a relevancia da proposta e o papel fundamental da Coruña na difusión do pensamento galeguista.

Segundo explicou Grandío, o ciclo 'pretende ofrecer unha relectura plural de Castelao desde diferentes xeracións e perspectivas'. Pola súa parte, Seixas lembrou 'a fonda pegada que A Coruña deixou na vida e na obra de Castelao', mentres que García puxo en valor 'a colaboración institucional e a calidade da programación cultural do Concello, que sitúa á cidade como referente dentro do Ano Castelao 2025'.

Esta iniciativa forma parte da programación cultural co que o Goberno municipal de Inés Rey consolida o liderado da Coruña como cidade de pensamento e creación, comprometida coa cultura galega e coa memoria compartida.

⚙ Configurar cookies
0.076903104782104