A Coruña finaliza as melloras de asfaltado na contorna do Coliseum
O Concello da Coruña completou esta semana as obras de mellora do firme na contorna do Coliseum, renovando máis de 3.200 metros cadrados na calzada da rúa Francisco Pérez Carballo, principal vía de acceso ao recinto desde a avenida García Sabell.
A intervención, que culminou aproveitando as boas condicións meteorolóxicas, incluíu a posta a cota das tapas de pozos de rexistro e sumidoiros, ademais da sinalización horizontal necesaria para garantir unha circulación segura.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou que esta actuación foi priorizada tendo en conta os fluxos de tráfico previstos na zona a curto e medio prazo. “Xa existía unha alta intensidade de tráfico debido á actividade comercial, pero agora, co ascenso do Básquet Coruña á máxima categoría do baloncesto nacional e o calendario cultural no Coliseum, o incremento do tráfico fai imprescindible este tipo de melloras”, indicou.
Con un investimento de case 50.000 euros, esta obra enmárcase no plan de mantemento e conservación impulsado polo Goberno municipal. Ademais das actuacións no Coliseum, o plan inclúe traballos no paseo marítimo, na rotonda de acceso a Santo Amaro e no tramo que conecta os barrios de Matogrande e Catro Camiños a través da avenida Salvador de Madariaga e a rúa Cabaleiros.