A Coruña festexará o 24 de maio o Día dos Museos con decenas de actividades

ACoruñaXa
Haberá xornadas de portas abertas, visitas guiadas, música, sesións nocturnas e máis actividades
Imaxe do Museo da Casa das Ciencias na Coruña
Casa das Ciencias, A Coruña
14 May 2025

O día 18 de maio conmemórase o Día Internacional dos Museos e, para celebralo e divulgar o traballo diario destes espazos coruñeses, o Concello organiza numerosas actividades para o seguinte sábado, día 24 de maio. “Desde o Goberno de Inés Rey sabemos da importancia destes espazos para difundir coñecemento e cultura e por iso anunciamos unha programación variada e dinámica para todo tipo de públicos”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

A programación engloba o Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón, o Castro de Elviña, as Casas Museo, as salas de exposicións municipais e os museos científicos. Durante toda a xornada celebraranse visitas guiadas, concertos e demais actividades abertas á cidadanía. As inscricións para os eventos que a requiran están abertas a partir deste mércores, 10 de maio.

Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón

Haberá xornada de portas abertas de 10.00 a 00.00 horas, con apertura especial ata medianoite. Tamén haberá visitas guiadas, ás 11.30 horas e ás 18.00 horas, con 25 prazas dispoñibles con inscrición previa no teléfono 981 189 850. Por outra banda, celebraranse dous obradoiros infantís de arqueoloxía para público de 6 a 12 anos con 20 prazas cada un. O primeiro será ás 12.00 horas e levará por título ‘Xogando á romana’. O segundo titúlase ‘A arte do repuxado’ e será ás 17.00 horas. Para adultos, haberá un obradoiro de arqueoloxía ás 19.00 horas co título de ‘Tesouros repuxados. Todas requiren de inscripción previa. A xornada pecharase coa actuación do coro infantil e xuvenil Cantabile a partir das 21.00 horas. Interpretarán ‘Requiem’, de Mozart, e a entrada será de balde ata completar a capacidade do espazo.

Casas Museo

Na Casa Museo Casares Quiroga haberá distintas actividades para todos os públicos. Ás
11.00 horas celebrarase ‘As cores do Guernica’, unha actividade para toda a familia (nenos e nenas de 6 anos en adiante acompañados dunha persoa adulta). Consistirá nun taller de pintado do famoso cadro de Pablo Picasso ao tempo que se coñece máis polo miúdo a súa historia e o vínculo de Santiago Casares Quiroga co pintor e a Guerra Civil. Haberá un total de 25 prazas.

Ás 17.00 e 18.45 horas celebraranse dúas sesión de ‘escape room’ para público adolescente (de 12 a 18 anos). Os/as participantes converteranse en historiadores/as que terán que investigar a Casa Museo resolvendo pistas utilizando o seu enxeño e a información recollida en cada sala do museo. Haberá un total de 25 prazas con inscrición previa.

Por outra banda, a Casa Museo María Pita acollerá, ás 17.30 e 18.30 horas, unha busca do tesouro, con dúas sesións para público familiar (nenas/os maiores de 6 anos acompañadas/os por unha persoa adulta). Trátase dunha visita dinamizada que consistirá na busca de diferentes obxectos para afondar na figura de María Pita. Haberá 25 prazas e as persoas interesadas deberán inscribirse previamente.

Salas de exposicións municipais

No Quiosco Alfonso haberá, ás 13.00 e ás 18.00 horas, unha visita guiada á exposición ‘Gerardo Porto. 1925-2025’ a cargo de Isabel Porto Despomare, filla do artista, e Perico Vasco, comisario da exposición. Haberá 30 prazas dispoñibles con inscrición previa no correo electrónico kioscoalfonso@coruna.gal.

Por outra banda, na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, ás 11.00 horas, haberá unha visita guiada á exposición ’70 anos da Agrupación Folclórica Aturuxo, homenaxe ás Pandereteiras de Mens. Haberá 30 prazas, con inscrición por orde de chegada ata completar capacidade.

Por último, na sala de exposicións de María Pita haberá, ás 19.30 horas, unha visita guiada á mostra ‘Agustín de Betancourt 1758-1824. Fundador da Escola de Camiños e Canais. Enxeñeiro cosmopolita’. Haberá 30 prazas dispoñibles con inscrición previa no correo electrónico exposicionbetancourt@gmail.com.

Museos Científicos

Os Museos Científicos Coruñeses celebrarán o Día dos Museos cunha xornada de portas abertas. Para visitar o Aquarium Finisterrae será imprescindible realizar unha reserva de entradas, que poderá realizarse cun máximo de 3 días de antelación. Para facilitar o acceso ás persoas maiores de 65 anos, estas poderán acceder sen reserva.

A visita ás salas de exposicións da Casa das Ciencias será libre, pero para asistir a unha sesión de Planetario haberá que reservar entradas, cun día de antelación.

  • 11.30 horas. Dinosauros. Unha historia de supervivencia (galego, 6-12 anos)
  • 13.00 horas. Biosfera oscura (castelán, + 10 anos)
  • 17.00 horas. Hazelnuts. Na procura do planeta perfecto (galego, 4-7 anos)
  • 18.00 horas. O ceo de hoxe (directo), (+ 10 anos)

Na Domus a entrada nesta xornada será libre, sen reserva previa.

A celebración do Día dos Museos completarase no Aquarium Finisterrae cun concerto que se ofrece a través da Asociación Cultural Tres por Cuatro, e no que participa o grupo EntrElas, formado exclusivamente por voces femininas que cantan a capela a súa particular versión de temas actuais e atemporais. Será ás 17.00 horas e para asistir é necesario realizar a reserva de entradas do Aquarium Finisterrae para esa franxa horaria.

Ademais, para celebrar este día, os Museos Científicos Coruñeses prepararon unha campaña en redes sociais na que se destacará unha peza singular da Casa das Ciencias, da Domus e do Aquarium Finisterrae.

⚙ Configurar cookies
0.14791703224182