A Coruña fai públicos os impagos das concesións municipais: 16 acumulan 5,2 millóns en débedas

O Concello da Coruña vén de facer un exercicio sen precedentes de transparencia ao publicar esta semana os datos das concesións municipais que presentan débedas coa Administración local. En total, son 16 as concesións que suman unha débeda conxunta de 5,2 millóns de euros, segundo fixo público o goberno que lidera a alcaldesa Inés Rey.
A medida forma parte do novo Plan de Concesións presentado en xuño, que por primeira vez ofrece á cidadanía o acceso ao listado completo dos bens e servizos municipais cedidos para explotación privada a cambio dun canon. Trátase de 105 concesións que xeran actividade económica, entre elas 45 aparcadoiros soterrados.
O concelleiro de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, explicou que o plan busca tanto “facer por vez primeira un exercicio de transparencia que permite á cidadanía coñecer os bens, os canons e as empresas adxudicatarias”, como tamén regularizar propiedades que até o de agora non estaban suxeitas a controis rigorosos. “Foi o Goberno de Inés Rey o que creou por primeira vez un departamento específico para unificar todos os datos sobre concesións, e o primeiro tamén en documentalas ao detalle, sendo complexo atopar datos de algunhas delas despois de moitos anos de desleixo”, subliñou.
A débeda acumulada polas concesionarias débese á suma dos impagos dos canons, pero tamén, nalgúns casos, á falta de pagamento de impostos e taxas municipais como o IBI. O Concello estableceu como prazo máximo xaneiro de 2026 para que as entidades regularicen a súa situación. En caso contrario, poderá iniciar o rescate dos bens para volver sacalos a concurso público.
Algunhas medidas xa están en marcha. A semana pasada aprobouse a extinción da concesión do aparcadoiro do mercado de Monte Alto polos reiterados impagos, e están en proceso de rescate outras catro concesións con débedas pendentes. Ademais, o Concello conseguiu o compromiso dun adxudicatario para saldar medio millón de euros en pagos atrasados.
Xunto coa regularización económica, o executivo local tamén esixe que as concesións, especialmente os aparcadoiros, cumpran coa normativa de accesibilidade. Para iso, establece como data límite setembro de 2026 para adaptar as instalacións nos casos nos que aínda non se fixo.
“Os bens públicos deben dar un servizo público en condicións, e deben producir recursos para que o Concello poida investilos en políticas que repercutan en beneficio de todos os cidadáns e cidadás”, concluíu Lage.