A Coruña exporá en Niza o seu modelo de cidade sostible a través do proxecto Coruña Marítima

ACoruñaXa
A alcaldesa, Inés Rey, dará a coñecer o proxecto Coruña Marítima no 'Ocean Rise & Coastal Resilience Summit'
corunha-maritima-cidadan
5 Jun 2025

A alcaldesa Inés Rey será unha das protagonistas do 'Ocean Rise & Coastal Resilience Summit', que se celebra este sábado 7 de xuño en Niza no marco da Conferencia das Nacións Unidas sobre os Océanos (UNOC3). No encontro, a rexedora dará a coñecer o proxecto Coruña Marítima como exemplo de planificación urbana e portuaria adaptada aos desafíos do cambio climático.

Rey participará no panel 'Ports, Cities and Regions: United for Coastal Resilience', onde compartirá intervención co representante de Durban (Sudáfrica), Thabani Nyawose, nunha sesión moderada pola Asociación Internacional de Cidades Portuarias (AIVP). No mesmo foro estarán tamén representantes de cidades como San Diego (EE.UU.), Cotonou (Benín), Mamoudzou (Mayotte), Le Havre (Francia) e o senador estadounidense Sheldon Whitehouse.

Durante a súa intervención, a alcaldesa destacará o proxecto Coruña Marítima como un modelo de colaboración institucional centrado na transformación do bordo litoral da cidade, a mellora da relación co porto e a preparación fronte aos impactos do cambio climático. “É unha oportunidade para mostrar que A Coruña aposta por un futuro costeiro sostible e tamén para aprender doutras cidades que, coma nós, están a afrontar desafíos similares”, sinalou Rey.

O cumio reunirá en Niza máis de 40 líderes políticos e institucionais de todo o mundo en nove paneis temáticos que abordarán a adaptación climática, a gobernanza multinivel, o financiamento verde e as solucións baseadas na natureza. Entre os asistentes estarán o alcalde de Niza, Christian Estrosi; a ministra francesa de Transición Ecolóxica, Agnès Pannier-Runacher; e o ministro de Medio Ambiente e Enerxía de Costa Rica, Franz Tattenbach Capra.

Ao remate do evento, os representantes das cidades e rexións participantes asinarán a Carta da Coalición para a Resiliencia Costeira, un compromiso conxunto para promover accións locais contra os efectos do cambio climático nos litorais.

⚙ Configurar cookies
0.15896701812744