A Coruña estrea o Koruñódromo: música, festa e convivencia para celebrar o Antroido

O Concello da Coruña presenta o Koruñódromo, unha festa que transformará a praza José Sellier nun espazo cheo de ledicia, baile e convivencia. A iniciativa, que conta coa colaboración dos locais de hostalaría A Buserana, Bar Tracio, Bodega Martirio, La Urbana e Redrum, así como da Asociación de Comerciantes Soho Orzán, busca enriquecer a oferta cultural da cidade e fortalecer o tecido social durante o Antroido.
Inspirado polos sambódromos brasileiros e adaptado á esencia coruñesa, o evento desenvolverase os días 1, 2 e 3 de marzo coa intención de converterse nun referente festivo. O programa arrincará o sábado, tras o tradicional desfile, cunha sesión de música a cargo dos DJs Gorllitox e Ces DJ, que converterán a praza José Sellier nunha pista de baile aberta a toda a cidadanía. Durante a xornada, a rúa Orzán acollerá un feirarrúa con mercadillo e actividades infantís como talleres de maquillaxe e disfraces.
O domingo será o turno do CarnaBingo, con dúas sesións —unha tradicional e outra musical— a partir das 17.00 horas, seguidas dunha Queimada Empoderante que prenderá a praza ás 19.00. O luns, a festa continuará coa música de Samba dos Amigos e un Concurso de Disfraces con premios superiores aos 300 euros, antes de que o DJ Rompecinturas Selektor peche a celebración coa súa sesión ata a madrugada.
O Koruñódromo aposta por ser un espazo seguro e inclusivo, cunha atención especial á protección das mulleres e do colectivo LGBTQ+, reafirmando así as políticas de igualdade e benestar promovidas polo goberno municipal liderado por Inés Rey. Con esta proposta, A Coruña consolida o seu compromiso coa cultura e a innovación, reforzando a súa posición como cidade aberta e festiva. A iniciativa forma parte da programación do Antroido 2025 que pode consultarse nesta ligazón.