A Coruña estrea o audiovisual 'Mocidade xitana contra o odio' para frear o antixitanismo nas aulas de secundaria

ACoruñaXa
AGARESO e a Fundación Secretariado Xitano lanzan no Centro Ágora unha ferramenta educativa con testimonios da mocidade xitana e datos sobre a discriminación que sofre este colectivo
A CORUÑA mocidade xitana
26 Nov 2025

O Centro Ágora da Coruña acollerá este xoves 27 de novembro, ás 17.00 horas, a estrea de 'Mocidade xitana contra o odio', unha peza audiovisual impulsada por AGARESO e a Fundación Secretariado Xitano que se presenta como ferramenta pedagóxica para combater os discursos xitanófobos nos institutos galegos. A proxección irá acompañada dun coloquio coas persoas protagonistas.

O traballo insírese no programa 'Mocidade xitana contra o discurso do odio nas aulas de secundaria galegas', financiado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, e busca achegar ao alumnado a realidade da mocidade xitana, desmontar tópicos e visibilizar o antixitanismo estrutural que condiciona o acceso á educación, ao emprego ou á vivenda.

O audiovisual está protagonizado por Abraham Gabarri e Zafira Jiménez, de 21 anos, membros da Fundación Secretariado Xitano nas delegacións da Coruña e Lugo. A través das súas historias falan dos seus estudos, afeccións e soños, pero tamén de situacións de discriminación vividas na escola, na formación profesional ou nas entrevistas de traballo, ao tempo que explican elementos da cultura xitana pouco coñecidos para a poboación paya, como o caló ou o himno.

A peza foi creada de xeito participado: durante meses, as protagonistas gravaron vídeos e fotografías persoais despois de recibir obradoiros de videoactivismo dirixidos a mozos e mozas de 15 a 18 anos. O obxectivo é que a creación audiovisual se converta nunha ferramenta de denuncia e transformación social fronte ao racismo.

AGARESO lembra que, segundo a Comisión Europea contra o Racismo e a Intolerancia, o antixitanismo é unha forma específica de racismo alimentada por séculos de discriminación. Os últimos datos europeos apuntan a que a discriminación contra as persoas xitanas segue a ser das máis estendidas en España e na Unión Europea, e só en 2023 a Fundación Secretariado Xitano rexistrou 384 casos de discriminación en medios de comunicación, redes sociais, emprego, educación, saúde, vivenda e acceso a bens e servizos.

No ámbito educativo, informes estatais sinalan que a mocidade xitana entre 18 e 35 anos é un dos colectivos máis afectados pola discriminación, especialmente as mulleres. En Galicia, un estudo de AGARESO realizado en 2023 detectou que o alumnado xitano é o que recibe máis comentarios baseados en estereotipos (o 85 por cento), con tópicos como 'conflitivas', 'problemáticas' ou 'ladroas', e que catro de cada dez estudantes non perciben os discursos racistas como algo negativo, o que evidencia a urxencia de intervir nas aulas.

Tras a presentación deste xoves, 'Mocidade xitana contra o odio' iniciarase como recurso didáctico en centros de secundaria, con proxeccións xa programadas no IES Rafael Dieste da Coruña e no IES Leiras Pulpeiro de Lugo. A peza quedará dispoñible de balde para profesorado, entidades sociais e calquera persoa que queira empregala con fins educativos.

⚙ Configurar cookies
0.077264070510864