A Coruña e Oleiros acollen a terceira edición da Carreira Costa Ártabra

Preséntase a terceira edición da Carreira Costa Ártabra, unha proba popular cun percorrido de 10 quilómetros que se celebrará o domingo 30 de marzo entre os municipios de Oleiros e A Coruña.
O concelleiro de Deportes do Concello da Coruña, Manuel Vázquez, participou na presentación: “Desde o Goberno de Inés Rey levamos un lustro potenciando probas deportivas que permitan á cidadanía levar hábitos de vida saudables, e por terceiro ano consecutivo apoiamos esta proba tan singular”. No acto tamén estiveron presentes Sonia Valbuena, directora de Casco; Ana Mónica Novo, directora da UNED; Roberto García, do Servizo Provincial de Deportes da Xunta; e María Teresa Vázquez, concelleira de Deportes de Oleiros.
Un evento solidario polo deporte inclusivo
A Carreira Costa Ártabra é un evento deportivo de carácter benéfico organizado pola Asociación Casco e conta co apoio do Concello da Coruña. A proba dará comezo o domingo 30 de marzo ás 9.30 horas, cunha saída emblemática desde o castelo de Santa Cruz, en Oleiros, e chegada no castelo de San Antón, na Coruña.
O obxectivo principal desta competición é visibilizar e financiar un programa que mellore a calidade de vida a través do deporte inclusivo. A iniciativa compleméntase cun proxecto que se desenvolverá ao longo do ano e que conta coa implicación da unidade de VIH do CHUAC.
O prazo de inscrición continúa aberto a través da web e a proba xa conta con máis de 1.000 persoas anotadas. Ademais da carreira de 10 quilómetros, existe unha variante máis curta chamada Milla, cunha distancia de 1,6 quilómetros, así como a opción de adquirir un dorsal solidario para colaborar coa causa.
O día da proba, habilitaranse buses lanzadeira desde A Coruña para facilitar os desprazamentos e reducir o uso de transporte privado. A recollida de dorsais realizarase na sección de Deportes de El Corte Inglés, e cada participante recibirá, ademais do seu número de carreira, unha camiseta conmemorativa e terá á súa disposición un servizo de fisioterapia na liña de meta.