A Coruña e o Festival Intercéltico de Lorient buscan estreitar lazos para 2026
Por segundo ano consecutivo, o Concello da Coruña estivo presente no Festival Intercéltico de Lorient, considerado o maior encontro de folclore do planeta, que acolle cada verán a máis de 900.000 persoas. Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, participou en diversos encontros profesionais e institucionais e visitou o espazo onde A Coruña exhibe a cultura galega na ‘Place des Pays Celtes’. Alí promocionouse a cidade, o seu patrimonio musical e de danza tradicional.
Durante a súa estancia, Gonzalo Castro reuniuse co director do festival, Jean-Philippe Mauras, no estadio Stade du Moustoir, para intercambiar impresións sobre o papel da Coruña na representación galega e explorar posibles colaboracións para a edición de 2026. Ambos destacaron a importancia do festival como escaparate internacional da identidade celta e manifestaron o interese en reforzar os vínculos culturais entre Galicia, Bretaña e outras nacións celtas.
Ademais, a delegación galega participou nun acto institucional na ‘Place des Pays Celtes’, onde se presentou a cidade ante todas as delegacións celtas cun concerto musical. O concelleiro entregou ao alcalde de Lorient, Fabrice Loher, unha camiseta do Real Club Deportivo con motivos da bandeira celta, simbolizando esta alianza cultural.