A Coruña e Arteixo afondan na súa cooperación cun novo protocolo

ACoruñaXa
As alcaldías procuran unha coordinación máis eficiente na xestión de políticas públicas comúns
corunha-concello
9 Apr 2025

A Coruña e Arteixo reforzan a súa sintonía institucional cun novo paso cara á colaboración estreita entre ambos concellos. As alcaldías de Inés Rey e Carlos Calvelo rubricaron un protocolo de entendemento que sentará as bases para unha coordinación máis eficiente na xestión de políticas públicas comúns, asumindo a realidade interdependente que caracteriza os dous municipios.

O acordo, que se tramitará tamén como convenio, establece un marco de traballo conxunto en áreas estratéxicas como a mobilidade, a xestión do ciclo da auga, o planeamento urbano, e os dispositivos de seguridade e prevención de riscos. Durante a sinatura celebrada no Concello da Coruña, ambos rexedores destacaron a intensa conexión entre a cidade e o municipio veciño. “Hai unha simbiose real entre a cidadanía que vive e traballa nos dous concellos”, subliñou Rey, facendo referencia aos máis de 65.000 desprazamentos diarios entre ambos territorios.

A alcaldesa lembrou que moitos dos servizos esenciais para a veciñanza non entenden de límites administrativos. Pola súa parte, Calvelo incidiu na importancia de avanzar conxuntamente en proxectos que permitan concorrer a convocatorias de fondos europeos, destacando esta liña como “prioritaria e estratéxica”. O rexedor de Arteixo defendeu que “en tempos nos que predominan as divisións, nós apostamos pola colaboración e a igualdade entre concellos”.

A cooperación entre A Coruña e Arteixo non é nova. O vínculo xa se materializa en iniciativas como a liña 6 do autobús urbano coruñés, que conecta Meicende —no termo municipal de Arteixo— co centro da cidade. Ademais, o dinamismo empresarial e industrial compartido, con espazos como Punta Langosteira, Agrela, Pocomaco, Sabón ou Morás, fortalece esta interdependencia.

No marco do novo protocolo, constituiranse grupos de traballo específicos para abordar cada unha das áreas incluídas no acordo. “Queremos actuar de forma conxunta ante unha realidade única, porque non existen dúas realidades separadas”, concluíu Inés Rey.

⚙ Configurar cookies
0.1580331325531