A Coruña e a súa área piden á Xunta unha mesa política para redefinir a estratexia aeroportuaria galega

ACoruñaXa
Inés Rey reúne a rexedores da comarca e á Deputación para reclamar coordinación, complementariedade entre Alvedro, Lavacolla e Peinador e respostas ante a fuga de pasaxeiros cara a Sá Carneiro
A CORUÑA reunión futuro aeroportuario
26 Sep 2025

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, encabezou hoxe unha reunión con alcaldes e alcaldesas da contorna e coa Deputación da Coruña na que instou á Xunta a convocar de inmediato unha mesa política que deseñe o futuro do sistema aeroportuario galego “con visión de país” e afastado de localismos. A proposta pasa por artellar unha gobernanza compartida na que estean representadas as sete cidades galegas, as catro deputacións e a Confederación Galega de Empresarios, co obxectivo de pactar con AENA unha política de rutas e servizos que evite decisións a curto prazo e fortaleza a complementariedade entre Alvedro, Lavacolla e Peinador.

Rey enmarcou o chamamento no incremento sostido de viaxeiros que empregan o aeroporto luso de Sá Carneiro (Porto), que capta 15 millóns de pasaxeiros anuais, unha parte significativa deles de procedencia galega. Para a rexedora, estes datos obrigan a analizar destinos e frecuencias e a definir nichos de mercado segundo o perfil de cada aeródromo: Alvedro e Peinador cunha orientación máis empresarial e comercial, e Lavacolla cun peso turístico maior. “Non se trata de competir entre nós, senón de cooperar para ser máis competitivos como sistema”, subliñou.

A reunión contou coa participación dos concellos do Consorcio das Mariñas —Oleiros (Ángel García Seoane), Sada (Benito Portela), Betanzos (María Barral), Carral (José Luis Fernández Mouriño), Abegondo (José Antonio Santiso) e Cambre (representado por Manuel Fernández Mallo)—, ademais da Deputación, a través da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e con representantes da Costa da Morte (Juan Seoane, Carballo, e José Ramón Martínez Barbeito, A Laracha). Pola banda coruñesa, asistiron os concelleiros José Manuel Lage e Gonzalo Castro.

O encontro pechouse cun posicionamento común para pedir á Xunta que lidere a coordinación institucional e sente as bases dunha planificación aeroportuaria estable, que optimice recursos, retéña pasaxeiros e amplíe conectividade internacional e doméstica “coa mira posta no conxunto de Galicia”.

⚙ Configurar cookies
0.10152006149292