A Coruña é a provincia galega líder en doazóns de sangue
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) publicou este xoves 28 de marzo, os datos de actividade da área de hemodoazón, quedando patente a excelente resposta da cidadanía galega a favor do xeneroso xesto da doazón de sangue no 2023. Sendo a provincia da Coruña a líder con 47.518 doantes, seguida da de Pontevedra con 39.299 doantes. Mentres que as provincias de Ourense e Lugo rexistaron 9.110 e 7.598, respectivamente.
A directora de ADOS, Marisa López García, traslada a súa gratitude a todas e cada unha das persoas que fixeron posible que, no pasado 2023, se contabilizasen 103.525 doazóns de sangue, o que permitiu ofrecer unha resposta axeitada ás necesidades hemoterápicas dos hospitais galegos.
Novos doantes
As 103.525 doazóns acadadas ao longo do ano 2023 representan unha taxa de 38,4 doazóns por cada mil habitantes e ano, o que, a falta de coñecer os datos definitivos de participación de todas as Comunidades Autónomas, de seguro situarán a Galicia como unha das rexións españolas con maior nivel de participación nas campañas de doazón de sangue.
ADOS quere agradecer a todas as persoas doantes o seu compromiso, resaltando que o pasado ano, 9.564 persoas doaron sangue por primeira vez na súa vida, incorporándose á actual base de doantes de Galicia.
Neste sentido, ADOS quere agradecer a boa disposición e colaboración de todos os concellos galegos, así como as empresas, centros educativos universitarios e non universitarios, colectivos de voluntarios e, en xeral, a toda a cidadanía galega por posibilitar o mantemento dunha actividade imprescindible para un funcionamento axeitado do noso sistema sanitario.
Un dos aspectos destacables nas estatísticas de participación do 2023 é a concentración do 44% das doazóns nas sete grandes urbes galegas, nas que se rexistraron 45.627, o que supón un índice de 46/1.000. Sendo a cidade de maior taxa de doazóns Santiago de Compostela, con 88/1.000, aínda que en números totais foi a o concello de Vigo o que obtivo as maiores cifras, con 12.741 doazóns de sangue.
CIDADE | DOAZÓNS
2023 |
TAXA DE DOAZÓN
2023 |
A Coruña | 10.068 | 41/1.000 |
Ferrol | 2.980 | 47/1.000 |
Santiago de Compostela | 8.686 | 88/1.000 |
Lugo | 3.093 | 31/1.000 |
Ourense | 4.107 | 39/1.000 |
Pontevedra | 3.952 | 48/1.000 |
Vigo | 12.741 | 43/1.000 |
TOTAL | 45.627 | 46/1.000 |
Participación por concellos
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue destaca que o concello con maior taxa de participación de Galicia, excluíndo as sete grandes cidades, foi o municipio coruñés de Melide, con 86 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.
Na provincia de Lugo, Meira foi o concello con maior taxa de doazóns, cun índice de 51/1.000; na de Ourense, Xinzo de Limia tivo unha taxa de 55/1.000; e na de Pontevedra, o concello de maior participación foi o de Salceda de Caselas con 72/1.000.
PROVINCIA | CONCELLO MÁXIMA TAXA DE DOAZÓN | DOAZÓNS
2023 |
TAXA DE DOAZÓN
2023 |
A Coruña | Melide | 649 | 86/1.000 |
Lugo | Meira | 90 | 51/1.000 |
Ourense | Xinzo de limia | 525 | 55/1.000 |
Pontevedra | Salceda de Caselas | 680 | 72/1.000 |
Campañas universitarias
Un dos apartados nos que ADOS está a desenvolver unha gran actividade, é a campaña de sensibilización en centros universitarios dos sete campus galegos que, ao longo da primeira fase de doazón nas tres universidades galegas levada a cabo no presente curso académico, realizada dende finais de setembro ata novembro, acadáronse 2.234 doazóns de sangue. Desenvolvéndose, neste momento, a segunda fase de febreiro a abril.