A Coruña despide o encontro internacional Urbact Cope, situándose como referente europeo
O encontro Urbact Cope, que situou A Coruña como referente europeo en políticas de coidado do medio ambiente, chegou á súa fin este xoves logo de máis dunha ducia de actividades e conferencias sobre modelos de cidade verdes, planificación medioambiental e sostibilidade.
Durante o evento, a concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, destacou o labor dos profesionais da rede, procedentes de sete cidades europeas.
Na xornada do xoves, o equipo de Urbact Cope realizou varias rutas pola Sagrada Familia para a inmersión no barrio. Acompañados pola Asociación de Veciños e Veciñas da Sagrada Familia, visitaron diversas entidades para explicar o proxecto e recoller ideas para o barrio en materia medioambiental.
Tamén mantiveron un encontro coa directiva do Centro social da Sagrada Familia e a Construtora Benéfica, exemplo de desenvolvemento do barrio. A concelleira sinalou a importancia de poñer en común o traballo realizado nas diferentes cidades: “é emocionante compartir ideas postas en marcha por este Goberno local e aprender de plans iniciados por outras cidades, analizar retos comúns e ver as súas diferentes formas de aplicación”.
Logo do encontro, o Grupo Local (ULG), formado por representantes de diferentes sectores e actores locais, ademais do Concello; comezará co deseño dun Plan de Acción Integrado cara a unha acción climática coherente no barrio da Sagrada Familia. O vindeiro encontro do Urbact Cope será no mes de xuño na localidade de Kavala en Grecia.
O orzamento total da rede para todas as cidades é de 850.000 euros, dos que a UE, a través dos fondos FEDER, financia o 70%, uns 598.786 euros, correspondéndolle 83.890,7 euros á nosa cidade. O proxecto desenvolverase ata o ano 2025, momento no que se disporá do Plan de Acción Integrado para o barrio. Grazas á participación na Rede URBACT COPE, as accións que resulten sitúanse nunha posición moi vantaxosa para a obtención de financiamento europeo para a súa execución.