A Coruña dá por rematadas as obras de saneamento en Nostián cun investimento de 230.000 euros

O Concello da Coruña vén de completar as melloras de saneamento previstas no núcleo poboacional de Nostián, unha intervención que supuxo un investimento de 230.000 euros. Os traballos, iniciados a mediados de ano, centráranse na ampliación das infraestruturas da rede municipal cara á contorna do parque.
A actuación permitiu instalar colectores separativos para as augas residuais no leste do núcleo, na zona máis próxima ás vivendas situadas xunto á fonte. Con esta obra, o Concello mellora a recollida de augas en orixe en todo Nostián, que xa contaba no sector oeste cunha rede unitaria e outra específica para pluviais.
Unha vez colocados os novos colectores, o Goberno local executou tamén a renovación do firme. Nesta fase aplicáronse materiais e pavimentos diferenciados para facer máis visibles as áreas de acceso ás casas, unha medida coa que se pretende reforzar a seguridade viaria ante o paso de vehículos.
Estas melloras foron un dos asuntos tratados no encontro informativo do Plan de barrios 2025-27 celebrado esta semana no local veciñal de Nostián. Alí, a alcaldesa, Inés Rey, acompañada polas concelleiras e concelleiros Noemí Díaz, Nereida Canosa e Manuel Vázquez, ademais de persoal técnico municipal, detallou á veciñanza as actuacións previstas en Nostián e na súa contorna, entre as que figura a renovación da pista de chave.