A Coruña dá o primeiro paso para regular as VTC cunha consulta pública previa

O Concello da Coruña iniciará a elaboración dunha posible ordenanza para regular o servizo de transporte urbano de persoas viaxeiras en vehículos de turismo con persoa condutora (VTC). O primeiro movemento será a posta en marcha dunha consulta pública para recoller opinións e propostas tanto da cidadanía como das entidades e organizacións potencialmente interesadas.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou no pleno deste xoves que o trámite supón un ‘primeiro paso’ antes de redactar un proxecto normativo, algo que dependerá do resultado da consulta e das conclusións dun estudo técnico paralelo. Este informe municipal, segundo avanzou, servirá para determinar ‘con certeza’ se é necesario iniciar ou non o proceso de autorización de servizos urbanos de VTC e, no caso de avanzar, fixar criterios vinculados á seguridade viaria e á sustentabilidade ambiental e económica, en liña co que recolle a lei autonómica de transportes.
O Goberno local enmarca este proceso nun escenario compartido con outras cidades galegas. Segundo apuntou Díaz, A Coruña impulsou con Santiago e Vigo unha petición á Xunta para que estableza unha normativa autonómica que marque un marco común para as diferentes ordenanzas municipais. Ademais, a edil reclamou que a Administración autonómica aclare os criterios que aplica para autorizar servizos interurbanos, ao tempo que criticou que se sigan concedendo permisos ‘sen límite’ mentres se abren expedientes sancionadores.
A consulta pública publicarase na web municipal e permanecerá aberta durante dous meses. Nese período poderán presentarse achegas que, posteriormente, serán analizadas polos servizos do Concello como base para decidir os seguintes pasos.