A Coruña dá o paso para entrar na Rede de Cidades Creativas da Unesco coa súa aposta polo cine e o audiovisual

ACoruñaXa
O Concello anunciou en Fitur a presentación da candidatura na categoría de 'Cidade do Cinema', apoiándose no seu legado histórico, na actividade de rodaxes e no impulso de infraestruturas como o Coruña Estudio Inmersivo
A CORUÑA fitur
21 Jan 2026

A Coruña quere situarse no mapa internacional da creatividade. O Concello presentará a súa candidatura para incorporarse á Rede de Cidades Creativas da Unesco na categoría de cine, unha distinción que recoñece ás cidades que fan da cultura e das industrias creativas un motor de desenvolvemento e cooperación internacional.

O anuncio realizouse este mércores en Fitur (Madrid), no stand de Galicia, nunha intervención na que participaron o concelleiro de Turismo, Gonzalo Castro, e o xerente do Consorcio de Turismo e Congresos, Antón Álvarez, quen defendeu o 'liderado audiovisual' da cidade como un dos seus grandes atractivos. A alcaldesa, Inés Rey, non acudiu á cita ao estar en actos institucionais fóra de Madrid.

A candidatura busca poñer en valor un ecosistema que combina tradición e industria. Entre os argumentos está a pegada de pioneiros como José Sellier Loup, vencellado ás primeiras filmacións datadas con fidelidade no Estado, gravadas na cidade a finais do século XIX.

O Concello tamén apunta ao presente do sector, coas rodaxes que se suceden na cidade e a presenza de produtoras e profesionais con proxección. Entre os exemplos recentes, citouse a gravación dunha nova serie de Movistar+ con localizacións urbanas e a realización de xornadas de rodaxe na cidade para unha produción destinada a Netflix.

No plano industrial, A Coruña reforza a súa mensaxe coa posta en marcha do Coruña Estudio Inmersivo na Cidade das TIC, presentado como o maior plató virtual inmersivo de España e concebido para atraer proxectos que empregan tecnoloxías avanzadas de produción.

A estratexia turística coa que a cidade se promociona en Fitur este 2026 vai, precisamente, da man do audiovisual e do eclipse solar total do 12 de agosto, dous eixos cos que o goberno local pretende reforzar a marca A Coruña e o seu tirón cultural.

⚙ Configurar cookies
0.079566955566406