A Coruña conxela as taxas e tributos en 2026 e capta 1,5 millóns de euros para reforzar o servizo de Bombeiros

A Coruña non incrementará nin taxas nin tributos no ano 2026. O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, ratificou esta decisión no Pleno celebrado hoxe en María Pita, lembrando que xa a adiantara na sesión de outubro. A política de conxelación fiscal busca, dixo, 'axudar a manter o poder adquisitivo das coruñesas e dos coruñeses, sen frear o investimento público, que se sostén con ingresos obtidos por outras vías'.
Entre esas vías figura a Ordenanza de Contribucións Especiais aprobada esta mañá, pola que as compañías aseguradoras achegarán 1,5 millóns de euros. Segundo explicou Lage, estas contribucións establécense porque as aseguradoras ven reducidas as súas cargas grazas ao labor do servizo municipal de Bombeiros e, en consecuencia, aportan en función da súa cota de mercado. Os fondos destinaranse a mellorar a capacidade de resposta ante incendios e emerxencias.
A contía permitirá acometer actuacións como o acondicionamento da parcela de ampliación do parque de Bombeiros en Agrela e a compra dun novo posto de mando móbil para a xestión de emerxencias e grandes eventos municipais (como o San Xoán), incorporando tecnoloxía actualizada.
Ademais, o Pleno deu luz verde á adhesión da rede de Museos Científicos Coruñeses á Asociación de Museos e Centros de Ciencia e Técnica de España, reforzando a colaboración e a proxección estatal destas instalacións municipais.
A corporación aprobou tamén a modificación doutras catro ordenanzas: no caso do Servizo de Axuda no Fogar, para adaptalo ás directrices fixadas pola Xunta para todos os concellos, e no resto para mellorar a claridade e precisión dos textos normativos.