A Coruña convértese no epicentro mundial da marcha atlética co Gran Premio Cantóns

Este sábado 7 de xuño, a partir das 17.00 horas, A Coruña volverá situarse no foco do atletismo internacional coa disputa da 38ª edición do Gran Premio Internacional de Marcha Cantóns – Trofeo Sergio Vázquez, considerado o evento máis importante do mundo nesta disciplina. A cidade acollerá a deportistas de 24 países dos cinco continentes, incluíndo aos principais referentes olímpicos e mundiais da marcha.
A gran protagonista da edición deste ano será a española María Pérez, recente campioa de Europa nos 20 quilómetros e medallista olímpica en París, onde acadou o ouro na proba de remudas mixtas xunto a Álvaro Martín e a prata nos 20K. A súa presenza supón un dos grandes atractivos da proba.
A representación internacional será tamén de primeiro nivel, cunha destacada participación da delegación chinesa, formada por 23 atletas, liderada pola campioa olímpica Jiayu Yang e pola histórica Liu Hong, quen bateu o récord do mundo dos 20 km en Cantóns no ano 2015. Tamén competirán estrelas como a italiana Antonella Palmisano, ouro en Toquio; o brasileiro Caio Bonfim, prata nos últimos Xogos Olímpicos; o canadense Evan Dunfee, bronce en Toquio; a peruana Kimberly García, bicampioa mundial e vencedora das dúas últimas edicións coruñesas; e o italiano Massimo Stano, actual campión de Europa.
Este evento forma parte da World Walking Tour 2025, o principal circuíto internacional da marcha atlética, e pertence á categoría ouro, a máis alta do calendario, compartida con cidades como Madrid, Taicang (China), Río Maior (Portugal) ou Varsovia (Polonia). A Coruña leva formando parte deste selecto grupo desde os inicios do certame.
A nivel galego, un dos grandes focos de atención será a participación dos irmáns Antía e Daniel Chamosa, protagonistas dunha brillante actuación no último Campionato de Europa. Daniel acadou a sétima posición cun novo récord galego nos 35 km (2 h 27:56), que lle outorga o pase aos Mundiais de Toquio. Pola súa parte, Antía quedou nunha destacadísima cuarta posición, demostrando a súa proxección internacional.
O Concello da Coruña, organizador do evento, reafirma así o seu compromiso co deporte de elite e coa proxección internacional da cidade, convertendo unha vez máis aos Cantóns nun símbolo global da marcha atlética.