A Coruña convértese este sábado na capital do baile deportivo coa I Copa Deputación

O Pazo dos Deportes da Cidade Deportiva de Riazor transformarase este sábado 13 de decembro no epicentro galego do baile deportivo coa celebración da I Copa Deputación da Coruña de Baile Deportivo. A cita, que terá lugar entre as 10.30 e as 21.00 horas, reunirá máis de 300 bailaríns e bailarinas procedentes de diferentes puntos de España e de Portugal, que competirán en diversas categorías e modalidades ao longo de toda a xornada.
Trátase dunha competición oficial nas modalidades de Latinos e Danza Coreográfica, puntuable para o ránking nacional da Federación Española de Baile Deportivo (FEBD) e aberta a deportistas federados das categorías xuvenil, júnior, youth, adulto e sénior, tanto en parellas como en single e grupos de danza coreográfica. Ademais, o programa da xornada incluirá probas de bailes estándar, bailes caribeños e coreográfica dúo.
O evento foi presentado esta mañá na Deputación da Coruña polo presidente provincial, Valentín González Formoso; o deputado de Deportes, Antonio Leira; e a responsable da organización e xerente da escola de baile UPA Un Paso Adelante de Narón, Sandra García. Formoso destacou que a institución provincial mantén un compromiso firme co deporte en toda a provincia, “desde os grandes equipos ata os clubs máis pequenos”, e subliñou que á listaxe das tradicionais Copas Deputación de fútbol, baloncesto ou balonmán súmase agora unha nova cita coa danza deportiva para dar visibilidade a unha disciplina “espectacular e en pleno crecemento”.
O presidente provincial convidou á cidadanía a achegarse este sábado ao pavillón de Riazor para desfrutar dun “espectáculo moi vistoso, que encherá o Pazo de música, enerxía e danza”, lembrando que tanto a inscrición dos participantes como o acceso do público serán totalmente gratuítos para favorecer a máxima participación e achegar este deporte ao gran público. Segundo a programación prevista, as probas da Copa Deputación disputaranse na franxa horaria comprendida entre as 16.00 e as 19.00 horas.
Pola súa banda, a organizadora Sandra García salientou que é “a primeira vez en Galicia que un evento destas características é gratuíto para o público”, e animou a asistir a quen aínda non coñece esta disciplina para descubrir unha competición “única e sorprendente”. Ao longo do día celebraranse probas en modalidade estándar, latinos e danza coreográfica, con participación en grupo, por parellas e individual, e xa se confirmaron a presenza de parellas e formacións con recoñecemento internacional, incluíndo campións e campioas do mundo. “De 16.00 a 19.00 disputarase a Copa Deputación, así que ninguén o pode perder”, insistiu.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, incidiu en que a Deputación quere “abrir espazos a todos os deportes, tamén aos menos coñecidos, asegurando que teñan as mesmas oportunidades de medrar, conectar co público e consolidarse no tempo”. A incorporación do baile deportivo ao calendario das Copas Deputación supón, ao seu xuízo, “un salto cualitativo na difusión dunha disciplina que conta cunha sólida base nas escolas de danza da provincia e cun nivel competitivo moi alto en Galicia”.
A competición rexerase polo regulamento vixente da FEBD e contará cun panel de sete xuíces que avaliarán as coreografías a través do sistema skating para probas de parellas e single, e o sistema AJS adaptado no caso da danza coreográfica. A Copa será puntuable para o ránking nacional, aplicando unha escala de valoración de entre 3 e 8 puntos con intervalos de 0,25. “O máis importante é achegar este deporte a un público amplo e, talvez, espertar novas vocacións de bailaríns e bailarina”, concluíu Sandra García.