A Coruña convértese de novo no epicentro do tríatlon co Campionato de España 2025

A cidade da Coruña acollerá os vindeiros 31 de maio e 1 de xuño o Campionato de España de Tríatlon 2025 na modalidade individual e en distancia olímpica, unha das citas máis destacadas do calendario da Federación Española de Tríatlon (FETRI). A proba, que regresa á cidade herculina tras consolidarse como unha referencia nacional, reunirá deportistas e clubs de todo o país.
O evento desenvolverase en escenarios emblemáticos da cidade como o paseo marítimo, o castelo de San Antón, o paseo do Parrote e a praza de María Pita, lugares que xa teñen acollido competicións de alto nivel nas últimas tempadas, incluídas probas internacionais de paratríatlon e campionatos de clubs.
A programación comezará o sábado 31 de maio con catro carreiras, entre as que destacan as finais élite feminina, ás 17.30 horas, e masculina, ás 19.45. Antes, ás 15.30 e 16.25 horas, será a quenda das categorías xuvenís. O domingo 1 de xuño será a vez dos Grupos de Idade a partir das 8.30, mentres que as probas júnior feminina e masculina se disputarán ás 12.30 e 13.15 horas, respectivamente.
Paralelamente, a cidade tamén acollerá ese mesmo sábado o circuíto nacional Pho3nix Kids Triathlon Series by Javier Gómez Noya, unha proba dirixida ás categorías de base que se desenvolverá en formato de acuatlón, con percorridos adaptados para deportistas dende Prebenxamín ata Cadete.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, salientou a oportunidade que supón este evento para os triatletas locais: “Poderán competir sen desprazarse e nos mesmos espazos onde adestran cada día, agora transformados pola espectacularidade das competicións da FETRI”.
Pola súa parte, a alcaldesa Inés Rey destacou o papel da Coruña como referente na organización de grandes eventos: “É unha honra que a nosa cidade acolla un campionato desta relevancia, que nos sitúa como capital do tríatlon español durante unha fin de semana. Seguimos traballando para facer da Coruña un punto clave no calendario deportivo e cultural, cun forte impacto turístico e económico”.