A Coruña contará antes de final de ano cun quinto colector gris destinado á fracción resto

ACoruñaXa
O novo colector gris servirá para depositar residuos non reciclables
corunha-ecoembes
30 May 2025

A Coruña dará un novo paso no seu modelo de recollida de residuos coa implantación dun quinto colector, de cor gris, destinado á fracción resto. A medida farase efectiva antes de que remate 2025 e será posible grazas á adhesión da cidade ao Convenio Marco de Colaboración entre a Comunidade Autónoma de Galicia e Ecoembes.

O acordo foi asinado no Palacio de María Pita pola alcaldesa, Inés Rey, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez. Segundo indicou a rexedora, este novo paso supón “unha adaptación do modelo de recollida de residuos da cidade ás novas esixencias da lexislación medioambiental”.

Inés Rey destacou o compromiso histórico da cidade coa reciclaxe e lembrou que “A Coruña foi pioneira en España na separación de residuos grazas ao impulso do Goberno local e o apoio da cidadanía, que souberon converter unha traxedia ambiental como foi o derrube da entulleira de Bens nunha oportunidade de cambio”.

O novo colector gris servirá para depositar residuos non reciclables como barreduras domésticas, cabichas, produtos hixiénicos (cueiros, compresas, tampóns), restos de louza ou outros materiais sen encaixe nos contedores actuais. Mentres tanto, o amarelo manterá o seu uso para envases lixeiros como botellas e botes de plástico, latas, brics ou cartón para bebidas.

“Con este convenio imos facer mellor o que xa estabamos a facer: separar en orixe para aumentar as porcentaxes de recuperación de residuos, reducir o envío a vertedoiro e traballar para alcanzar as metas que a Unión Europea nos marca para o futuro”, afirmou a alcaldesa, quen anunciou tamén o lanzamento dunha campaña de sensibilización e información cidadá para facilitar a adaptación ao novo sistema.

A conselleira Ángeles Vázquez, pola súa banda, incidiu nos obxectivos ambientais que se perseguen con esta medida e apuntou que “agora mesmo en Galicia a porcentaxe de recollida de envases lixeiros é do 52 % e hai que chegar ao 65 % neste ano 2025”. Subliñou ademais que “coa adhesión da Coruña a este convenio marco vanse cumprir os obxectivos a nivel europeo e estatal”.

A alcaldesa salientou tamén que, a diferenza doutros concellos, “o modelo coruñés xa separa esas fraccións e conta con eses colectores”, facendo referencia ao marrón para materia orgánica e ao amarelo para envases lixeiros. “En definitiva, imos separar mellor para reciclar máis”, concluíu.

 

⚙ Configurar cookies
0.18850898742676