A Coruña conta cun novo mural de gran formato en homenaxe ás mulleres científicas

ACoruñaXa
A obra, realizada pola ilustradora galega Lidia Cao, atópase no centro comercial Marineda City
mural-lidia-cao
4 Apr 2025

Marineda City e o Concello da Coruña inauguraron un mural de gran formato creado pola recoñecida ilustradora galega Lidia Cao, no que se rende homenaxe ás mulleres científicas, dentro da programación municipal polo mes da muller. A obra foi descuberta en presenza da alcaldesa Inés Rey, a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, a concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, e varios membros do Centro de Información ás Mulleres.

O mural, situado no cerramento principal do centro comercial, ten unhas dimensións de 16,8 metros de altura por 22 metros de ancho. A ilustración de Cao simboliza a ilusión por descubrir algo novo e positivo a través do microscopio, representando a evolución das pequenas cousas en grandes avances científicos. As formas orgánicas que saen do aparato, como flores e símbolos, reflicten ese cambio fresco e innovador, con cores azuis que evocan a cidade da Coruña e o mar que a rodea.

A obra de arte está destinada a ser un tributo ás mulleres que traballan nas disciplinas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas), resaltando o seu papel fundamental na ciencia e a innovación. A gerente de Marineda City, Purificación Berdejo, destacou a importancia da colaboración co Concello e a contribución á visibilización das mulleres que lideran o cambio e promoven a igualdade.

A inauguración desta imaxe efémera supón un paso máis no compromiso da cidade coa igualdade de xénero e a promoción das mulleres na ciencia, facendo visible o seu impacto na sociedade e en sectores clave como as STEM.

⚙ Configurar cookies
0.11564993858337