A Coruña conmemorará esta semana os 25 anos do título de Liga do Deportivo con un gran número de actividades

A Coruña conmemorará o 25 aniversario da consecución do título de Liga do Real Club Deportivo con diversos actos que se celebrarán en distintos espazos da cidade do 19 ao 31 de maio. Este luns, 19 de maio, cúmplese un cuarto de século do único título da competición regular do club coruñés e o Concello organiza, coa colaboración do club e de diversas peñas e colectivos, concertos, charlas, presentacións de libros e exposicións abertas á cidadanía.
“Desde o Goberno de Inés Rey apostamos por rememorar un dos grandes fitos da historia da Coruña da man das peñas e das persoas que o viviron naquel maio do ano 2000, achegando tamén ás novas xeracións os recordos dunha xesta que nos puxo no mapa do fútbol mundial”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. O programa desta celebración comezará o día 19, xusto cando se cumplen 25 anos daquel partido fronte ao Espanyol no estadio municipal de Riazor.
Ese día instalarase unha exposición fotográfica no Obelisco, que permanecerá aberta á cidadanía ata o 31 de maio. Constará de imaxes de arquivo dos fotógrafos Mero Barral e Jesús Sancho cos momentos máis simbólicos da conquista da Liga.
Por outra banda, o venres 23 celebrarase no auditorio do Centro Sociocultural Ágora unha charla-proxección e a presentación do libro ‘O mellor que me pasou na vida’. Trátase dun encontro único xunto a xogadores, directivos, traballadores do club e seareiros que compartirán en primeira persoa os recordos e emocións da tempada do título. O inicio do acto será ás 19.00 horas, con entrada de balde ata completar capacidade.