A Coruña conmemora o Día Mundial da Saúde Mental cunha xornada organizada por APEM

Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental, a Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM) organizou hoxe en A Coruña unha xornada de sensibilización, información e concienciación baixo o lema 'Compartimos vulnerabilidade, defendamos a nosa saúde mental'. A delegada da Xunta na provincia, Belén do Campo, presidiu o acto e puxo en valor o papel das entidades do terceiro sector e dos profesionais que atenden a persoas en situación de vulnerabilidade.
Na apertura do encontro, Do Campo destacou a traxectoria pioneira de APEM —que xestiona oito centros asistenciais, dez vivendas supervisadas e un centro especial de emprego— e salientou o apoio económico e institucional que a asociación recibe pola vía das axudas do IRPF e da Consellería de Emprego para a contratación. “Contades sempre, e seguiredes contando, co apoio da Xunta”, asegurou a delegada.
O acto centrouse tamén nas liñas mestras do novo Plan de Saúde Mental de Galicia que está a elaborar a Consellería de Sanidade. Segundo explicou a delegada, o documento estruturarase en sete liñas estratéxicas e apunta a un modelo máis preventivo, humano e próximo á poboación, reforzando a atención comunitaria, o apoio ás familias, a prevención do suicidio e a asistencia á infancia, mocidade e persoas maiores. Un dos compromisos anunciados foi a incorporación progresiva de psicólogos clínicos aos centros de saúde dependentes de Psiquiatría, ata acadar 50 profesionais en 2030, co obxectivo de achegar a atención á poboación e mellorar o acceso.
Na área sanitaria da Coruña e Cee, a delegada resaltou a posta en funcionamento da nova Unidade de Expansión de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital de Oza, inaugurada a finais de setembro, que engade 13 camas (unha destinada a contención) e aumenta nun 40 % a capacidade de internamento. Esta unidade, cun investimento superior a 185.000 euros, atenderá a unha poboación de máis de 550.000 persoas e contribuirá a aliviar unha demanda que supera os 500 ingresos psiquiátricos ao ano. Do Campo lembrou, ademais, outros fitos recentes: a Unidade de Saúde Mental de Oleiros (xullo de 2021), o Hospital de Día de Saúde Mental Infantil-Xuvenil no Teresa Herrera (febreiro de 2024) e as dúas novas unidades do CHUAC abertas en setembro de 2024.
A xornada incluiu conferencias e mesas redondas nas que profesionais da medicina, a enfermaría, a psicoloxía, o traballo social e os corpos de seguridade compartiron as súas experiencias sobre o impacto emocional das emerxencias e as cargas que supón coidar aos demais. “Protexer a saúde mental de quen nos protexe e acompaña é protexernos a todos”, recoñeceu a delegada, que reclamou políticas públicas centradas na prevención dos riscos psicosociais e no apoio aos profesionais.
Entre as accións que se impulsan desde a Administración figura a promoción de programas en contornas educativas (YAM, Código Agarimo), o impulso dunha rede infanto-xuvenil máis integrada coa comunidade e o desenvolvemento dun protocolo común con universidades galegas para protexer a saúde mental do estudantado. O Plan tamén contempla un reforzo da rehabilitación psicosocial e laboral para persoas con trastorno mental grave, con obxectivo de acadar 1.263 prazas —un 33 % máis— en próximos anos.
A organización agradeceu a participación de APEM, profesionais e asistentes e destacou que xornadas deste tipo son fundamentais para facer visible a vulnerabilidade, normalizar a conversa arredor da saúde mental e esixir os recursos necesarios para unha atención máis próxima, coordinada e humana.