A Coruña completa a implantación da App Comercio Seguro nos Mallos e prepara a súa chegada á rúa Real

ACoruñaXa
O Concello culmina o despregamento da aplicación nas rúas Ramón Cabanillas e Ángel Senra, con 42 dos 47 negocios adheridos, e anuncia a extensión do programa á rúa Real e á contorna da Sagrada Familia
A CORUÑA app comercio seguro
20 Nov 2025

O Concello da Coruña vén de dar un novo impulso ao programa municipal App Comercio Seguro coa finalización da súa implantación nas rúas Ramón Cabanillas e Ángel Senra, no barrio dos Mallos. A ferramenta, que permite unha comunicación directa e en tempo real entre os establecementos comerciais e a Policía Local a través do teléfono móbil, queda xa operativa na práctica totalidade dos negocios destas vías. En concreto, adheríronse 42 dos 47 locais rexistrados.

A concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montse Paz, visitou este xoves varios dos establecementos adheridos para coñecer de primeira man a opinión do sector sobre o funcionamento desta aplicación. Durante o percorrido estivo acompañada por representantes do tecido comercial, entre eles Alba Balsa, presidenta do Centro Comercial Aberto Distrito Mallos, que subliñou a tranquilidade que supón para o pequeno comercio contar cun canal directo coa Policía Local e coa implicación do Concello na súa seguridade.

Tamén participou na visita Elisa Gerpe, responsable dunha floraría na zona, que destacou que se trata dunha ferramenta sinxela de manexar, que ofrece confianza ás persoas propietarias dos negocios e lles permite contactar con rapidez cos axentes en situacións que requiran intervención policial.

A App Comercio Seguro foi posta en marcha polo goberno de Inés Rey co obxectivo de reforzar a seguridade preventiva nos comercios, facilitando unha canle áxil de contacto co 092 e permitindo a mobilización inmediata dos recursos policiais cando é necesario. Desde o inicio do programa só se produciron dúas incidencias, ambas resoltas favorablemente, o que, segundo o Concello, amosa tamén o efecto disuasorio do sistema.

O proxecto naceu como experiencia piloto nas rúas Barcelona e Alcalde Marchesi e foi ampliándose progresivamente á prolongación da rúa Barcelona, á rúa da Gaiteira e ás súas transversais. Coa incorporación do barrio dos Mallos, o número total de establecementos adheridos na cidade elévase a 132.

O plan municipal contempla agora a expansión da aplicación á rúa Real, un dos principais eixos comerciais da Coruña, onde se porá en marcha unha nova campaña informativa para facilitar a adhesión do comercio local e a posta en funcionamento da ferramenta. Ademais, a folla de ruta prevé estender o sistema á contorna da Sagrada Familia, completando a cobertura ao longo da Rolda Peonil, unha arteria impulsada polo executivo de Inés Rey no anterior mandato e que agora suma un modelo de seguridade cidadá baseado na tecnoloxía, a prevención e a proximidade aos barrios.

⚙ Configurar cookies
0.074501991271973