A Coruña competirá no Reto Europeo de Pasos durante a Semana da Mobilidade

ACoruñaXa
A iniciativa, promovida por EIT Urban Mobility e Walk15, busca fomentar os desprazamentos a pé e poñer en valor os percorridos peonís da cidade
A CORUÑA reto pasos
23 Aug 2025

A cidade herculina participará este ano no Reto Europeo de Pasos, un desafío que se desenvolverá entre o 16 e o 22 de setembro con motivo da Semana Europea da Mobilidade. A proposta, impulsada por EIT Urban Mobility en colaboración coa plataforma Walk15, ten como obxectivo animar á veciñanza a sumar pasos e apostar polos desprazamentos a pé dentro do espazo urbano.

Segundo explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, “este tipo de iniciativas permiten mellorar a saúde individual e, ao mesmo tempo, visibilizar os itinerarios peonís xa existentes na cidade”. Díaz lembrou ademais que A Coruña continúa a avanzar cara a unha cidade máis sostible e con máis espazos públicos de calidade, citando como exemplo a ampliación do percorrido da Rolda Peonil no barrio da Sagrada Familia, que conectará a medio prazo coa Agra do Orzán.

A participación no reto é sinxela: abonda con descargar a aplicación Walk15, dispoñible de balde, e rexistrarse para que os pasos diarios contabilizados polos dispositivos móbiles ou reloxos intelixentes sumen ao marcador colectivo da cidade.

“A cidadanía xa está afeita a usar ferramentas dixitais para controlar a súa actividade física diaria, e agora temos a oportunidade de facelo de forma conxunta para demostrar que A Coruña é referente en mobilidade peonil”, apuntou a concelleira, quen animou ás coruñesas e coruñeses a inscribirse antes do comezo do desafío.

⚙ Configurar cookies
0.17526006698608