A Coruña co Recorda Fest convértese no escenario do espectáculo "La Reina del Flow"

ACoruñaXa
Os protagonistas da serie, Juan Manuel Restrepo, María José Vargas, Kevin Bury e Juan Palau subirán ao escenario
recorda-reina-flow
20 Jun 2025

O Recorda Fest, que celebrará a súa terceira edición os días 5 e 6 de setembro no Muelle de Batería da Coruña, presenta este ano unha proposta sen precedentes no ámbito dos festivais musicais en Europa. O evento inclúe por primeira vez un espectáculo musical baseado en La Reina del Flow, o drama musical máis visto da historia de Netflix, converténdose así nunha cita única que fusiona música en directo e narrativa televisiva.

O 6 de setembro, os protagonistas da serie —Juan Manuel Restrepo (Charly Flow/Pez Koi), María José Vargas (Yeimy), Kevin Bury (Cris Vega) e Juan Palau (Drama Key)— subirán ao escenario para interpretar os grandes éxitos da banda sonora orixinal, nun concerto que marcará a estrea mundial deste formato. Será, xunto coa actuación do 10 de setembro no Movistar Arena de Madrid, unha das dúas únicas datas confirmadas en Europa.

A directora do Recorda Fest, Olga Lamas, destacou que “esta é unha aposta novidosa, nunca vista ata a data, e coa que queremos ter unha resposta a todo o cariño que sempre nos amosou o noso público”.

O cartel do festival deste 2025 complétase con artistas como Marlena, La La Love You, Juan Magán, Álex Wall, Álvaro de Luna, Despistaos, Efecto Pasillo, Eme DJ, Fran Perea, Griso, Henry Méndez, Kate Ryan, Leire Martínez, Nena Daconte, Ultraligera e Xoel López, consolidando así o Recorda Fest como unha das citas culturais de referencia do verán galego.

A historia de La Reina del Flow, que conta con máis de 170 episodios e vai camiño da súa terceira tempada, relata a vida de Yeimy Montoya, unha moza encarcerada inxustamente que regresa baixo a identidade de Tammy Andrade para vingarse de quen lle roubou todo: Charly Flow. El, agora unha estrela da música, vive entre o éxito e os vínculos co narcotráfico. No escenario coruñés, os catro protagonistas interpretarán cancións emblemáticas como "Perdóname", "Reflejo" ou "Amor Imposible", conectando coa emoción de milleiros de fans da serie.

A Coruña será así o epicentro dunha experiencia que combina televisión, música e emocións a flor de pel, abrindo un novo camiño no formato dos festivais musicais.

 

 

 

 

 

⚙ Configurar cookies
0.15812206268311