A Coruña celebrará unha nova edición de Estudios Abertos con 39 talleres artísticos participantes

A cidade da Coruña volverá abrir as portas da creación artística co regreso de Estudios Abertos, unha xornada que permitirá á cidadanía entrar nos espazos de traballo de 39 artistas locais o sábado 11 de maio. Esta nova edición, que contará con catro talleres máis que o ano pasado, celebrarase en horario ininterrompido de 11.00 a 21.00 horas e inclúe unha ampla variedade de disciplinas: escultura, pintura, fotografía, ilustración, debuxo, cerámica ou arte multidisciplinar.
Durante toda a xornada, os obradoiros participantes ofrecerán unha programación propia que incluirá a presenza de artistas convidados, intervencións en directo e outras sorpresas. A actividade é completamente gratuíta e está pensada como unha ruta aberta pola cidade, permitindo ás persoas asistentes escoller os espazos que máis lles interesen e descubrir os procesos creativos dos e das artistas coruñesas nos seus propios estudios.
Estudios Abertos busca achegar ao público xeral á realidade diaria dos creadores e creadoras locais, promovendo a conexión directa entre arte e cidadanía. “É a oportunidade perfecta para coñecer de primeira man como traballan os artistas da cidade e para poñer en valor a súa obra e os seus espazos creativos”, sinalaron algúns dos participantes, como Noemí Penela e Laureano Vidal, presentes esta mañá na presentación oficial do evento.
A rolda de prensa celebrouse no Palacio Municipal de María Pita e contou coa participación do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, que destacou a aposta do Goberno municipal de Inés Rey por dinamizar o tecido artístico local. “Queremos que a cultura saia á rúa, se mesture co día a día da cidade e chegue a todos os barrios”, apuntou o edil.