A Coruña celebrará a sétima edición do Modulartec con concertos e actividades formativas de música electrónica
A cidade herculina será sede, do 3 ao 5 de outubro, da sétima edición do Modulartec, un encontro cultural centrado na creación sonora a través de sintetizadores modulares. Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, presentou este mércoes o certame, que incluirá concertos, obradoiros e conferencias en varias localizacións clave como a Fundación Luís Seoane e a Casa das Ciencias, entre outros espazos.
O encontro abrirase o xoves 3 de outubro, ás 21.00 horas, no planetario da Casa das Ciencias, cun concerto de XEaranX, músico e estudoso da música tradicional galega. Seguidamente, Borja Bernárdez presentará o seu proxecto audiovisual "MAKYO". A xornada do venres contará cun obradoiro formativo sobre o uso de sintetizadores modulares, e actuacións de recoñecidos artistas como Francisco López e L.A.R. Quicios, na Fundación Luís Seoane.
Actividades de peche na igrexa da Orde Terceira e na Fundación Luís Seoane
O sábado 5 de outubro, a programación repartirase entre a igrexa da Orde Terceira e As Capuchinas, coa presenza de artistas como Novia Pagana, Laura Moyano e Juanma Cidron. O peche do evento será na Fundación Luís Seoane, con actuacións de Collapse, Iván Pavlov e Parautas, este último encargado de finalizar o festival cunha actuación ás 23.00 horas.