A Coruña celebra o Día Internacional do Xogo cunha gran xornada lúdica con 186 nenos e nenas

ACoruñaXa
Os patios escolares dos centros educativos da cidade tamén vivirán este día dedicado ao xogo
xogo-corunha-praza
11 Jun 2025

O Concello da Coruña únese este mércores 11 de xuño, á celebración do Día Internacional do Xogo cunha ampla programación destinada á infancia, desenvolvida en coordinación cos centros educativos da cidade. A praza de María Pita acolleu así a celebración, organizada polo Concello da Coruña en colaboración coa Rede Municipal de Escolas Infantís.

A actividade reuniu a 186 nenos e nenas de 2 e 3 anos, acompañados de educadoras e familias, nunha xornada con nove espazos lúdicos adaptados para a etapa infantil. A alcaldesa Inés Rey e o concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, participaron no evento, no que reivindicaron o valor do xogo como ferramenta educativa e o uso dos espazos públicos como lugares de aprendizaxe. A iniciativa forma parte da campaña internacional Hora de Xogar, promovida pola Asociación Internacional de Cidades Educadoras, e contou tamén con actividades simultáneas noutros centros da cidade.

As crianzas gozaron de nove estacións temáticas deseñadas para fomentar o desenvolvemento a través do xogo: xogos con instrumentos musicais; bailes con pompas de xabón; animación con Cantaxogos; xogos con paracaídas; gran xogo da memoria; circuitos de correpasillos; actividades de psicomotricidade; xogos de construción con bloques xigantes; e mesas de area

Cada unha das estacións contou con persoal especializado e material adaptado, garantindo unha experiencia segura, educativa e divertida. A iniciativa foi posible grazas á coordinación dos centros participantes e ao labor organizativo dos servizos municipais.

Esta xornada enmárcase na campaña global Hora de Xogar, promovida pola Asociación Internacional de Cidades Educadoras, da que A Coruña forma parte. A acción desenvolveuse de maneira simultánea en máis de 50 cidades de todo o mundo e busca reivindicar o xogo como un dereito fundamental da infancia.

O Día Internacional do Xogo, recoñecido oficialmente pola ONU, celébrase o 11 de xuño de cada ano co obxectivo de “destacar a importancia de preservar, promover e dar prioridade ao xogo para que todas as persoas, especialmente os nenos e as nenas, poidan cultivar os seus froitos e desenvolver todo o seu potencial”.

Con esta celebración, o Concello da Coruña reafirma o seu compromiso cun modelo de cidade educadora, inclusiva e pensada para todas as idades, na que o espazo público se converte nun lugar de aprendizaxe, encontro e convivencia.

⚙ Configurar cookies
0.16091108322144