A Coruña celebra o Día Internacional da Discapacidade cunha xornada que reivindica a escalada como ferramenta de inclusión

A Agrupación de Montañeiros Independentes (AMI) e a Federación Galega de Montañismo impulsan este 3 de decembro unha xornada especial polo Día Internacional da Discapacidade. A iniciativa, que conta tamén co respaldo da Federación Española de Deportes de Montaña y Escalada e do Concello da Coruña, quere amosar que este deporte é unha poderosa ferramenta de autonomía, superación persoal e inclusión.
O programa enmárcase no proxecto social de AMI, financiado pola Fundación Emalcsa, co obxectivo de facer da escalada unha disciplina accesible e aberta, na que calquera persoa, independentemente da súa diversidade funcional, poida atopar o seu espazo.
A primeira parte da celebración terá lugar pola mañá, entre as 10.00 e as 13.30 horas, no rocódromo municipal de Riazor. Alí, persoas con discapacidade poderán iniciarse na escalada acompañadas por técnicos especializados que lles ensinarán as técnicas básicas, o uso do material e o funcionamento das instalacións. Para moitas delas, será unha oportunidade para descubrir novas maneiras de moverse e romper barreiras que semellaban infranqueables.
Participarán persoas usuarias e deportistas da Fundación Adcor, ONCE, Aspronaga, ASPACE e a Fundación Amador de Castro. Entre elas destacan historias inspiradoras como a de Cristina Salinas, cega total e practicante habitual de escalada, sendeirismo, paddle surf ou pilates; ou a de Dani Blanco, quen con 15 anos se converteu na primeira persoa autista en competir en paraescalada en España. Diagnosticado con autismo severo aos 5 anos e con necesidade de apoio permanente, o seu proceso deportivo axudou a impulsar unha maior autonomía no día a día.
O segundo acto terá lugar ás 18.00 horas no salón de actos do centro cívico de San Diego, onde se celebrará unha mesa redonda que porá o foco nas traxectorias persoais e no papel da montaña como espazo de inclusión. Intervirán os escaladores paralímpicos Bea Gándara e Pablo Pindo; Patricia Gómez, nai de Dani Blanco; e Luis Fontenla, responsable de ocio da Fundación Adcor. A xornalista Mónica Martínez actuará como moderadora.
Será un espazo pensado para escoitar, preguntar e compartir visións sobre como a montaña pode abrir oportunidades cando existen recursos, acompañamento e vontade real de incluír. A entrada será libre ata completar a capacidade da sala.
Tanto a sesión de escalada como a mesa redonda estarán abertas tamén aos medios de comunicación, co propósito de dar visibilidade a unha xornada que pretende achegar a escalada ao maior número de persoas posible.