A Coruña celebra o Día do Deporte na Rúa con 92 entidades participantes e 62 modalidades

ACoruñaXa
Unha cita que servirá como peche do curso 2024-2025 das Escolas Deportivas Municipais
deporte-rua-corunha
3 Jun 2025

O Concello da Coruña organizará o vindeiro domingo 15 de xuño a XXXVIII edición do Día do Deporte na Rúa, unha das citas máis emblemáticas do calendario deportivo local, que servirá como peche do curso 2024-2025 das Escolas Deportivas Municipais. Este ano, a convocatoria acadará unha participación histórica, con 92 clubs e entidades implicadas.

“Desde o Goberno de Inés Rey estamos moi satisfeitos do éxito que ten esta histórica xornada, que permite a persoas de todas as idades coñecer de primeira man as diferentes disciplinas deportivas coas que contamos na cidade”, destacou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.

As actividades desenvolveranse entre as 11.00 e as 14.00 horas nos arredores da Cidade Deportiva de Riazor, con deportes náuticos que terán lugar nas praias de Riazor e Orzán. Todas as propostas serán gratuítas e abertas a público de todas as idades, coa finalidade de achegar a práctica deportiva á cidadanía nun ambiente lúdico, inclusivo e participativo.

A programación incluirá un total de 62 modalidades deportivas, entre as que se atopan atletismo, baloncesto, boxeo, ximnasia, escalada, marcha nórdica ou xadrez, ademais de deportes náuticos como vela, piragüismo, paddlesurf, surf ou waterpolo. Como novidades nesta edición incorpóranse disciplinas como a danza urbana, o pickleball, a pelota vasca e o pentatlón militar. A tradicional solta de pombas terá lugar ás 13.00 horas diante do Palacio dos Deportes, como un dos momentos simbólicos da xornada.

Participación aberta e agasallos

Non será necesaria inscrición previa para participar. O propio día do evento repartiranse tarxetas de participación nas distintas actividades ou no punto de encontro do Palacio dos Deportes. Cada tarxeta poderá selarse en tres actividades diferentes.

As 2.000 primeiras persoas que presenten un selo recibirán unha camiseta conmemorativa, dispoñible ata as 14.00 horas no punto de encontro.

Como colofón, ás 13.45 horas celebrarase un sorteo de material deportivo ofrecido polas entidades colaboradoras. Poderán participar todas as persoas que entreguen a súa tarxeta con tres selos. Haberá premios para maiores e menores de idade.

Con esta xornada, o Concello da Coruña revalida o seu compromiso co fomento da actividade física e o apoio ao tecido deportivo local, promovendo un estilo de vida saudable para todos os públicos.

⚙ Configurar cookies
0.30153894424438