A Coruña celebra as Letras Galegas cunha exposición sobre o Aturuxo e as Pandereteiras de Mens

ACoruñaXa
A exposición repasa os 70 anos de historia do Aturuxo e os 20 anos de actividade artística das cantareiras de Mens
corunha-mostra
9 May 2025

A Casa da Cultura Salvador de Madariaga acolle unha mostra dedicada á Agrupación Folclórica Aturuxo e á traxectoria das Pandereteiras de Mens, grupo homenaxeado pola Real Academia Galega neste Día das Letras Galegas 2025. A exposición, que permanecerá aberta ata o 1 de xuño, repasa os 70 anos de historia de Aturuxo e os 20 anos de actividade artística das cantareiras de Mens, parte esencial deste colectivo.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou na apertura da mostra, destacando que "desde o Goberno de Inés Rey estamos facendo un importante esforzo por lembrar e celebrar o traballo das cantareiras, cunha programación das Letras Galegas que nos permitirá afondar no importante papel da Coruña no auxe da cultura galega".

A Real Academia Galega recoñece este ano a contribución de catro das chamadas "Velliñas de Mens" —Asunción e Prudencia Garrido, Teresa García e Manuela Lema—, nunha homenaxe conxunta tamén a Adolfina e Rosa Casás e Eva Castiñeira, en representación da tradición oral. A exposición ofrece fotografías, artigos de prensa, documentación e obxectos da agrupación e lembra que foi na Coruña, no Teatro Colón, onde as Pandereteiras de Mens actuaron por primeira vez sobre un escenario galego, en maio de 1972.

Como parte da celebración do Día das Letras Galegas, o Concello organiza catro xornadas de música e cultura galega do 16 ao 18 de maio, e o domingo 25, con actividades en diferentes espazos da cidade como os xardíns de Méndez Núñez, o Campo da Leña, a praza do Humor ou o Teatro Colón. Ademais de foliadas e concertos de grupos tradicionais como Cántigas da Terra, Xacarandaina ou Donaire, pasarán polos escenarios nomes como Ortiga, Zavala, Breo ou Belém Tajes.

A programación inclúe tamén unha gala especial polo 70 aniversario de Aturuxo o domingo 18 ás 19.00 horas no Teatro Rosalía de Castro, onde se renderá homenaxe ás Pandereteiras de Mens. A oferta complétase con concertos como o de Treixadura, actividades para público infantil, andainas culturais e outras propostas dentro do programa municipal.

⚙ Configurar cookies
0.1763379573822