A Coruña celebra a II Xornada Urbandog para fomentar o benestar animal

O Concello da Coruña organiza este 10 de maio, a II Xornada Urbandog, que terá lugar en Expocoruña a partir das 10.45 horas. A iniciativa busca fomentar o benestar animal e proporcionar á cidadanía información útil sobre o coidado das mascotas e a normativa vixente, dentro do compromiso municipal por unha cidade máis amable e consciente da convivencia responsable.
A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, destacou que “na cidade hai xa 32.000 cans e o número de persoas e familias que comparten a súa vida cunha mascota está a medrar de forma exponencial. O obxectivo desta xornada é achegar coñecemento á cidadanía, poñer en valor o traballo que se fai desde o Concello, con instrumentos como a Patrulla Verde e o labor das técnicas e técnicos municipais”. Neira tamén subliñou que a xornada é “unha oportunidade para coñecer iniciativas de carácter social e terapéutico nas que participan cans e que desenvolven entidades privadas que colaboran co Concello”.
A xornada comezará ás 10.45 horas co acto de inauguración no recinto Ágora de Expocoruña. A primeira actividade será unha mesa redonda centrada na normativa sobre Benestar Animal, a cargo de persoal técnico da Concellaría de Medio Ambiente e Seguridade Cidadá, así como integrantes da Patrulla Verde da Policía Local. A continuación, Carlos Alfonso López, fundador de EDUCAN, impartirá unha conferencia sobre adopción de cans. Posteriormente, terá lugar unha exhibición de Agility co Club Agility A Coruña na pista central do recinto.
A sesión matinal rematará cunha mesa redonda sobre o papel dos cans na sociedade, coa participación de entidades como CanCoruña, Somos Pet Friendly, o Club Canino Layamajo e o programa Pares, desenvolvido pola Fundación María José Jove en colaboración co Concello. O programa concluirá cunha exhibición de terapia asistida a cargo de Montegatto e a propia Fundación.
Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, a xornada ofrecerá tres conferencias adicionais: unha sobre o impacto do vínculo humano-animal, a cargo de Sonia Sáez Cardoner (Purina); outra sobre mascotas e familias, a cargo de Carlos Alfonso López; e unha terceira sobre deportes caninos, impartida por José Luis Lorenzo Couce. A xornada clausurarase cunha exhibición de IGP, disciplina que avalía habilidades como rastrexo, obediencia e protección.
A programación completa pode consultarse na páxina web do Concello da Coruña. Esta actividade forma parte das políticas do Goberno de Inés Rey, que nos últimos anos reforzou as iniciativas de sensibilización, respecto e coidado animal como parte dun modelo de cidade sostible e comprometida coa convivencia cidadá. Entre outras medidas, o Concello creou áreas caninas e habilitou un areal para poder acudir coas mascotas.