A Coruña capta o interese de máis de 14.000 visitantes no Festival Intercéltico de Lorient
Festival Intercéltico de Lorient, un dos eventos de folclore máis importantes do mundo, pechou as súas portas este domingo tras acoller a máis de 650.000 persoas ao longo de sete xornadas. A Coruña, representando a Galicia como nación celta, contou cun espazo propio na ‘Place des Pays Celtes’, onde se promocionou a cultura e a oferta turística da cidade a través da campaña Cultura de Vivir. Este stand foi visitado por máis de 14.000 persoas, o que supón unha media de máis de 2.000 visitantes ao día.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou o éxito da participación coruñesa no festival, subliñando que “estas cifras amosan o gran acerto que foi a nosa presenza como Concello nun evento dunhas dimensións descomunais, permitindo ao público coñecer a cultura galega que se promove desde A Coruña e tamén a nosa ampla e contrastada oferta turística”.
Os visitantes do stand puideron obter información sobre os principais atractivos turísticos da cidade, os eventos culturais, como a Romaría de Santa Margarida, e aspectos prácticos como a localización de A Coruña e os medios de transporte para chegar. Ademais, moitas persoas achegáronse ao espazo coruñés o xoves 15 de agosto, durante un acto institucional que contou coa presenza de delegados doutras nacións celtas.
O concelleiro Gonzalo Castro valorou moi positivamente a experiencia, destacando que “esta colaboración entre o Festival Intercéltico de Lorient e a nosa cidade terá continuidade, xa que supón un escaparate inigualable para promover turismo de calidade e baseado na nosa cultura”