A Coruña, berce da esgrima histórica coa Academia da Espada

Miriam García
Manter vivas as técnicas e estratexias de combate dos cabaleiros españois do Século de Ouro é o obxectivo que persegue Ton Puey (A Coruña, 1970) coa súa Academia da Espada. Fundada fai case 20 anos na cidade herculina, esta escola dedicada ás artes marciais medievais europeas creceu e chegou a establecerse en países como os Estados Unidos, México, Alemaña e Indonesia. “É posible que moi pronto esteamos en China”, comenta Puey, destacando a expansión global dun proxecto que naceu con raíces coruñesas e que hoxe conecta tradición e modernidade.
Formado en karate shotokai e esgrima olímpica, Ton Puey inclinouse no 2003 polas artes marciais históricas. Hoxe, como director técnico e Mestre de Armas da Academia da Espada, lidera o ensino de distintas armas, e desde a AGEA Editora realiza investigacións sobre este legado. É, ademais, membro fundador da Asociación Galega de Esgrima Histórica e membro de honra da Federación Española de Esgrima Histórica.
O mestre de armas sinala que o nome da escola está escrito en galego, un guiño ás súas raíces, e que, ao mesmo tempo, rende homenaxe ao tratado belga de Gerard Thibault d’Anvers, titulado ‘Academie de l’Espée’. “É crucial entender o que son as artes marciais históricas medievais, para evitar tópicos que as confunden coa esgrima deportiva ou coa teatral”, aclara Ton, quen describe estas disciplinas como un conxunto de técnicas de combate europeas desenvolvidas entre a Idade Media e o Renacemento. “Incorporan o uso de distintas armas e técnicas sen armas, e están baseadas en manuais e tratados escritos por mestres da época, que documentaron os seus coñecementos e estratexias”, engade.
Pioneiros en Galicia
A Academia da Espada A Coruña comezou oficialmente o seu camiño no 2014, aínda que o proxecto xa se viña xestando desde o 2004. “Todo empezou coa Asociación Galega de Esgrima Histórica. Grazas a ela fomos o primeiro grupo en Galicia en traballar a esgrima histórica, porque por aquel entón xa se realizaba noutros puntos de España”, conta Ton. “Co tempo naceu a Escola da Espada e, a partir de aí, foron aparecendo outros grupos de traballo en cidades galegas como Lugo, Santiago, Vigo e Ourense”, engade. Desta forma, a da Coruña, que conta con 50 membros, céntrase no estudo integral da Verdadeira Destreza, un sistema de esgrima desenvolto en España durante os séculos XVI e XVII.
Actualmente, a academia practica no pavillón do CEIP San Francisco Javier, na zona de Catro Camiños, onde os alumnos empregan réplicas de espadas históricas. "Principalmente, utilizamos a espada ropera dos séculos XVI e XVII", explica o mestre coruñés. Tamén conta cun grupo que adestra con versións máis antigas da espada, acompañadas doutras armas da época, como a daga. “Doutra banda, practicamos con armas de asta, como as lanzas, e coa montante, unha espada de gran tamaño, comparable á altura dunha persoa". Aínda que non forma parte da escola porque esta dedícase ao estudo da Verdadeira Eestreza española, algúns alumnos tamén practican cunha espada medieval renacentista de dúas mans, "moita xente sabe cal é por películas de ‘O Señor dos Aneis’”.
Para realizar estes adestramentos, os membros da escola utilizan proteccións específicas que inclúen caretas e chaquetillas de esgrima, algo máis grosas que as da esgrima deportiva. Ademais, búscase unha certa uniformidade acorde á época que ilustran, con camisas e pantalóns anchos inspirados nos séculos XVI e XVII. As armas tamén contan con medidas de seguridade, como o botón ou tope na punta das armas para evitar accidentes.
Non soamente unha actividade deportiva
Cando lle pregunto a Ton polo recibimento da academia na Coruña despois de case 20 anos na cidade, describe a acollida como “moi boa” e menciona que, nos últimos dous anos, moitas máis persoas animáronse a probar esta disciplina deportiva e cultural. “Hai pouco estivemos nas festas do Ventorrillo, damos clases extraescolares no colexio Emilia Pardo Bazán e case sempre participamos na iniciativa do Concello de ‘Deporte na rúa’”, destaca. Ademais, engade que a difusión a través de Internet foi clave para atraer a máis persoas interesadas na esgrima histórica.
Para os membros da Academia da Espada, formar parte da academia vai máis aló de practicar esgrima e artes marciais; é unha experiencia cun forte compoñente social e cultural. Ao longo do ano, participan en eventos e encontros con outras academias de España e outros países, promovendo o intercambio e a comunidade ao redor desta disciplina. Un exemplo é o Encontro Torre de Hércules, un evento anual na Coruña que reúne a membros da súa rede internacional durante unha fin de semana para compartir clases, combates e seminarios.
Preguntámoslle a Ton como animaría a alguén a probar a esgrima histórica: “Diríalle que é unha experiencia que transcende da actividade física. Claro que pode haber competicións, pero o obxectivo principal non é ese. Se che interesa a historia e gozar dela de maneira activa, leste é o teu lugar. Ademais da actividade física, non só practicamos coa espada, senón tamén con dagas, lanzas e espadas a dúas mans”, conclúe.