A Coruña avanza cara a unha Facultade de Medicina pública co respaldo unánime do Pleno

ACoruñaXa
O respaldo de toda a corporación municipal supón un paso máis na reivindicación de ter unha facultade propia nesta área
medicina-udc
6 Jun 2025

O Pleno do Concello da Coruña aprobou hoxe por unanimidade unha moción presentada polo grupo socialista que solicita o apoio institucional para a implantación da titulación de Medicina na cidade. A proposta contou co respaldo de toda a corporación municipal e supón un paso máis na longa reivindicación cidadá de contar cunha facultade propia nesta área.

O voceiro do Goberno municipal e concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, foi o encargado de defender a iniciativa, destacando a capacidade da cidade para asumir esta titulación universitaria. “Galicia ten espazo para unha nova facultade de Medicina, esta cidade a demanda e conta cos recursos e co ecosistema sanitario para acollela”, afirmou Lage durante a súa intervención.

O concelleiro lembrou que a cidade leva anos reclamando esta formación, con fitos como a apertura do grao de Ciencias da Saúde no ano 2001. Tamén advertiu da urxencia que vive o sistema público de saúde ante a escaseza de persoal: estímase que arredor do 30 % dos médicos actuais xubilaranse na próxima década.

Entre os argumentos esgrimidos, Lage salientou que “a demanda de prazas supera en Galicia amplamente a oferta, con 3.000 solicitudes para pouco máis de 400 prazas”, e destacou os recursos existentes na cidade, como o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) —hospital de referencia en Galicia e actualmente en proceso de ampliación—, o centro de investigación sanitaria INIBIC e outras titulacións sanitarias que xa se imparten na Universidade da Coruña.

“A Coruña xa é a capital sanitaria de Galicia”, subliñou Lage, quen engadiu que “apoiar unha Facultade de Medicina é apostar por reforzar o sistema público sanitario galego e o sistema universitario”.

O concelleiro insistiu tamén na importancia de que a nova facultade sexa parte do sistema universitario público: “A Coruña é a cidade idónea para implantar esa titulación, conta con todo o necesario para ese fin, e queremos que se faga desde a universidade pública para contribuír así tamén a mellorar un necesario servizo público tan importante como a sanidade, deficitaria en profesionais desde hai moitos anos”.

A moción sae adiante coa unanimidade da corporación, sumando un novo argumento no proceso de presión institucional para que a Xunta de Galicia e o Ministerio de Universidades valoren positivamente a creación dunha Facultade de Medicina pública na cidade herculina.

⚙ Configurar cookies
0.20510196685791