A Coruña avanza cara á implantación da taxa turística municipal para reforzar os servizos públicos

O Concello da Coruña levará ao Pleno municipal unha nova ordenanza fiscal que regula a aplicación da denominada taxa turística, un recargo sobre o imposto autonómico das estadías turísticas. O obxectivo principal desta medida é paliar os custes crecientes na prestación de servizos públicos, derivados en boa parte do incremento constante de visitantes á cidade nos últimos anos.
A alcaldesa, Inés Rey, explicou este luns os fundamentos da iniciativa: “Non se trata de penalizar o turismo, senón de ser responsables cunha realidade evidente. A cidade recibe cada vez máis persoas, e iso obriga a reforzar os servizos que fan posible manter a calidade de vida tanto para quen vive aquí como para quen nos visita”. A rexedora destacou que A Coruña roldou o millón de turistas en 2024, unha cifra que evidencia unha tendencia clara á alza con impacto directo en determinadas zonas da cidade.
A futura ordenanza contempla tarifas diferenciadas segundo o tipo e categoría do aloxamento: 2,5 euros por noite en hoteis de 5 estrelas e 4 estrelas superior; 2 euros en vivendas de uso turístico (VUT), hoteis de 4 estrelas e de categoría 3 superior, 3 e 2 superior; 1,5 euros para cruceiros, outras VUT e hoteis de 2 estrelas, 1 superior e 1 estrela; e 1 euros en vivendas turísticas de menor categoría.
A aplicación á pasaxe de cruceiros está prevista a partir de 2026, sempre e cando non se produzan modificacións na normativa autonómica. Ademais, a ordenanza recolle varias exencións, como as estadías por motivos médicos, participantes en competicións deportivas federadas, menores non emancipados, persoas con discapacidade superior ao 65 %, beneficiarios de programas sociais europeos, usuarios de albergues do Plan Xacobeo ou persoas desprazadas por reformas na súa vivenda habitual.
A proposta será sometida a aprobación provisional no Pleno municipal, previsto para o mes de xuño. Con esta medida, A Coruña busca avanzar cara a un modelo turístico sostible, no que o crecemento das visitas vaia parello ao reforzo dos servizos públicos, garantindo o benestar da veciñanza e a calidade da experiencia turística.