A Coruña, Arteixo e Culleredo únense para recuperar e ampliar o complexo deportivo de Montegolf

Os concellos da Coruña, Arteixo e Culleredo veñen de dar un paso adiante na colaboración institucional coa posta en marcha dun proxecto conxunto para rehabilitar e ampliar o complexo deportivo Montegolf, situado na Zapateira, no termo municipal de Arteixo pero a escasos metros dos límites cos outros dous municipios.
A iniciativa busca transformar este espazo, que pasou a mans públicas tras ser cedido pola empresa Riofisa ao Concello de Arteixo, nun referente deportivo supramunicipal. O recinto, afectado pola crise inmobiliaria de 2008 e abandonado desde entón, será recuperado grazas a un acordo de cooperación que permitirá revitalizar as instalacións e ofrecer novos servizos á cidadanía da contorna.
O proxecto contempla a creación dun edificio principal con vestiarios, aseos e espazos polivalentes, así como a habilitación de zonas verdes e pistas deportivas ao aire libre, incluíndo unha piscina exterior. Ademais, está prevista a substitución das antigas pistas de pádel por pistas multideporte que favorecerán a práctica de diferentes disciplinas e actividades recreativas.
A actuación está valorada en 650.000 euros. A metade deste investimento será solicitada á Xunta de Galicia en forma de subvención, mentres que os tres concellos asumirán conxuntamente o resto do orzamento.
A aposta pola cooperación institucional foi destacada polos representantes municipais. José Manuel Lage, primeiro tenente de alcaldesa da Coruña, sinalou que “os límites administrativos non deben ser un obstáculo para dar resposta ás necesidades reais da veciñanza, e este proxecto demostra que a coordinación entre concellos é posible e necesaria”.
O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, destacou que “a colaboración permitirá mellorar os servizos previstos inicialmente, ampliando a oferta de lecer e deporte da instalación para beneficio da poboación dos tres municipios”.
Pola súa parte, o rexedor de Culleredo, José Ramón Rioboo, puxo en valor “a cooperación intermunicipal como ferramenta clave para ofrecer servizos de calidade”, e apuntou que a actuación suporá un importante reforzo na oferta deportiva da zona da Zapateira e a súa contorna.
Con esta iniciativa, os tres concellos dan un exemplo de xestión compartida e planificación conxunta ao servizo da cidadanía, apostando por un modelo de territorio colaborativo que transcende fronteiras administrativas.