A Coruña aproba a ordenanza que regulará as vivendas de uso turístico (VUT)

ACoruñaXa
Outra das medidas destacadas na sesión plenaria foi a aprobación inicial da coñecida como taxa turística
pleno-vut-xunho-corunha
5 Jun 2025

O Pleno do Concello da Coruña deu un novo paso nas políticas municipais de vivenda ao aprobar definitivamente a ordenanza que regulará as vivendas de uso turístico (VUT). A nova normativa entrará en vigor nos próximos días e súmase ao conxunto de medidas impulsadas polo Goberno de Inés Rey para facer fronte á crecente dificultade de acceso á vivenda, especialmente no mercado do alugueiro.

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, lembrou que A Coruña é “desde a semana pasada, o primeiro concello de Galicia en obter a declaración de zona de mercado residencial tensionado”, unha solicitude realizada polo propio Concello á Xunta de Galicia para contribuír a conter os prezos da vivenda.

Díaz Gallego puxo en valor o compromiso do Goberno local cun urbanismo ao servizo da cidadanía: “Continuamos hoxe avanzando no impulso das políticas de vivenda que a cidadanía coruñesa demanda tanto regulando as vivendas de uso turístico como impulsando un ámbito, o de Parque de Oza, que nos vai dotar de máis vivenda pública nunha posición de centralidade da nosa cidade”.

Ademais da ordenanza das VUT, o Pleno ratificou o texto definitivo do convenio urbanístico mixto de planeamento e execución para o desenvolvemento do API Q28 no Parque de Oza. O proxecto permitirá a recuperación de solares e leiras entre o parque e o polideportivo do Castrillón, transformando espazos actualmente degradados en áreas residenciais con vivenda pública, zonas verdes e espazos de lecer.

Luz verde á taxa turística

Outra das medidas destacadas na sesión plenaria foi a aprobación inicial da coñecida como taxa turística, unha recarga municipal sobre o imposto autonómico que se aplica ás estadías en aloxamentos turísticos. O obxectivo é reforzar os servizos públicos locais ante o incremento de visitantes que vén experimentando a cidade nos últimos anos.

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, destacou o contexto no que se propón esta medida: “A taxa nace nun momento de crecemento do turismo, que na Coruña pasou de 750.000 persoas a rozar o millón en apenas dous anos. É bo que creza porque contribúe á xeración de emprego e riqueza, mais é bo tamén que o mesmo que contribúe aos gastos municipais contribúa tamén, aínda que minimamente, aos ingresos”.

A taxa prevé importes variables segundo o tipo de aloxamento (entre 1 e 2,5 euros por noite) e inclúe diversas exencións, como estadías por motivos sanitarios, persoas menores non emancipadas, deportistas federados en competición oficial ou persoas cunha discapacidade superior ao 65 %.

“Somos un concello cun amplo potencial turístico. Temos moito percorrido aínda, mais o turismo é preciso regulalo antes de que se poida chegar a converter nun problema, porque un millón de persoas ao ano xeran a lóxica carga de traballo para o Concello e consideramos xusto que non sexan os nosos veciños os que a financien. Igual que nós viaxamos a Barcelona ou a Xenebra e aboamos a taxa sen maior problema, sucederá agora con quen nos visite”, concluíu Lage.

 

 

 

⚙ Configurar cookies
0.17796397209167