A Coruña aplicará a taxa turística a partir do 29 de setembro coincidindo coa fin do verán

ACoruñaXa
O Concello asegura que o 100 % da recadación reverterá en servizos públicos e que a medida non freará o turismo
A CORUÑA taxa turística
29 Aug 2025

A cidade herculina comezará a aplicar a taxa turística municipal o vindeiro luns 29 de setembro, coincidindo coa finalización da tempada estival. Así o anunciou o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica e voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, nunha reunión mantida coa directiva da Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña (Hospeco).

Lage explicou que a nova recarga sobre o imposto autonómico ás estadías turísticas busca compensar o impacto que o incremento sostido do turismo xera nos barrios e nos servizos municipais, como a limpeza, a recollida de residuos ou o mantemento do espazo público. “Non se trata de frear o turismo, senón de facelo sostible, evitando que sexan unicamente as coruñesas e coruñeses quen asuman o custo”, afirmou.

O Concello lembra que a taxa non recaerá sobre os establecementos senón sobre as persoas visitantes, cun importe reducido e similar ao que xa aplican outras cidades. Ademais, o 100 % do recadado destinarase a mellorar servizos públicos na cidade. Lage puxo como exemplo Barcelona, onde a medida leva anos implantada sen repercusións negativas sobre o sector.

A ordenanza recolle tamén exencións específicas, entre elas para menores de idade non emancipados, persoas cunha discapacidade superior ao 65 %, deportistas federados en competición oficial, estadías por motivos médicos, programas sociais da UE ou estadías motivadas por obras na vivenda habitual. No caso dos cruceiros, a exención prolongarase ata 2026. Ademais, o turismo de congresos, un sector en expansión na Coruña, quedará libre de pagar esta taxa.

A xestión realizarase a través dunha plataforma dixital, con dúas autoliquidacións anuais: entre o 1 e o 20 de xullo para o primeiro semestre, e entre o 1 e o 20 de xaneiro para o segundo. Os visitantes que poidan acollerse a exencións deberán cubrilo directamente no seu establecemento de hospedaxe mediante un formulario habilitado polo Concello.

⚙ Configurar cookies
0.11408996582031