A Coruña actualiza o catálogo patrimonial e súmase á Asociación Internacional de Cidades e Portos

ACoruñaXa
O Pleno aproba provisionalmente a modificación puntual do Plan Xeral para incorporar 28 novas fichas e varios elementos singulares
A CORUÑA patrimonio
2 Oct 2025

O Pleno municipal aprobou hoxe de xeito provisional a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana coa que se incorporan ao catálogo de protección 28 novas fichas de elementos arquitectónicos, xunto a tres enclaves etnográficos e o asentamento tradicional de Eirís. A proposta, que inclúe tamén o trazado do Camiño Inglés e elementos singulares como as fontes do Corgo, Monelos e as Xubias de Abaixo, saíu adiante cos votos a favor do PSdeG-PSOE e do BNG e coa abstención do PP.

O responsable de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, sinalou que a actualización permitirá reforzar a protección do patrimonio local e que cada caso será analizado “cun rigor histórico e técnico” antes de incorporalo definitivamente ao catálogo. O expediente será agora remitido á Dirección Xeral de Patrimonio, á Dirección de Costa e do Mar e ao Ministerio para que emitan os informes correspondentes.

Na mesma sesión, A Coruña aprobou a súa adhesión á Asociación Internacional de Cidades e Portos, o maior foro mundial sobre transformación portuaria, con máis de 180 cidades de 45 países. O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, destacou que a incorporación facilitará o intercambio de experiencias e boas prácticas para integrar os terreos portuarios na malla urbana e deseñar un modelo propio de rexeneración sostible.

Ademais, o Pleno aprobou definitivamente a nova ordenanza da taxa de recollida e tratamento do lixo, que adapta o Concello ás directrices estatais e europeas. O novo sistema establece unha parte fixa e outra variable ligada ao consumo de auga e aos roteiros de recollida; a tarifa fixa prevista para 2026 será de 60,98 €, con implementación progresiva ata 2029. O Goberno local e o BNG subliñaron o compromiso de non trasladar unha carga fiscal adicional á cidadanía e reafirmouse tamén a adhesión municipal ao Ano Internacional das Cooperativas, como aposta pola economía social e a sustentabilidade.

⚙ Configurar cookies
0.083035945892334