A Coruña activa unha nova conexión viaria para mellorar o acceso ao paseo marítimo

O Concello da Coruña rematará nos vindeiros días as tarefas de pintado e posta en funcionamento da rede semafórica na nova conexión habilitada entre as rúas Paio Gómez e Modesta Goicouría. Esta actuación forma parte dunha estratexia do Goberno local, liderado por Inés Rey, que busca facilitar o acceso de vehículos ao paseo marítimo a través da praza de Pontevedra e, así, aliviar a carga de tráfico na rúa Juana de Vega.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou que previamente se realizaron simulacións de tráfico para avaliar o impacto do novo itinerario, que discorrerá desde a rúa Picavia, pasando polo túnel da praza de Lugo, subirá por Paio Gómez ata a praza de Pontevedra e continuará por Modesta Goicouría en dirección á avenida Pedro Barrié de la Maza.
Para facer posible esta nova conexión, o Concello acometeu unha pequena remodelación no illote central da praza de Pontevedra, coa finalidade de habilitar un novo carril que permita a incorporación dos vehículos desde Paio Gómez.
Unha vez completadas as intervencións e coa autorización de Mobilidade para a súa apertura, a rúa Modesta Goicouría manterá a súa actual configuración en dobre sentido. A esta decisión súmase a medida xa implantada durante as obras de San Andrés, cando o Concello permitiu a viraxe dos autobuses urbanos desde Modesta Goicouría cara a Pedro Barrié de la Maza, co obxectivo de mellorar o acceso ao paseo marítimo desde a praza de Pontevedra.
Esta mesma vía poderá ser empregada polos vehículos que accedan desde o túnel da praza de Lugo e Paio Gómez, así como por aqueles que cheguen á praza de Pontevedra procedentes da rúa de San Andrés. Pola súa banda, o outro carril, en sentido entrada desde Pedro Barrié de la Maza, continuará habilitado para facilitar o acceso desde o paseo marítimo ao centro da cidade.