A Coruña activa a campaña dos Campamentos de Verán 2025 cunha oferta de máis de 6.000 prazas

O Concello da Coruña vén de poñer en marcha a campaña municipal dos Campamentos de Verán 2025, unha proposta que combina lecer educativo, inclusión e conciliación familiar durante os meses estivais. A programación desenvolverase entre o 23 de xuño e o 9 de setembro, cubrindo máis de once semanas de vacacións escolares cunha ampla variedade de actividades para nenos, nenas e adolescentes da cidade.
A campaña contempla un total de 6.116 prazas repartidas en oito modalidades de campamento, con opcións tanto urbanas como con estadía fóra da cidade. As actividades realizaranse en preto de 40 sedes e instalacións municipais, incluíndo centros cívicos, colexios e polideportivos. Como novidade, introdúcese o uso da Estación de Montaña de Manzaneda (Ourense) para os campamentos con pernocta.
A oferta abrangue temáticas moi diversas, desde hábitos de vida saudable, deporte e contacto coa natureza ata creatividade artística, cultura, historia local e educación en valores como a igualdade, a convivencia e a inclusión. Os campamentos están deseñados para menores de 4 a 17 anos, é dicir, nados entre 2008 e 2021.
A campaña tamén garante a participación inclusiva con prazas reservadas para menores con necesidades educativas especiais, que contarán con monitores de apoio especializados.
Cada modalidade de campamento ofrece horarios adaptados para facilitar a conciliación:
- Centros cívicos urbanos: de 10.00 a 14.00 horas (entrada ás 9.00 horas / saída ata as 14.30 horas)
- Ágora e Fórum: de 10.00 a 14.00 horas (entrada dende as 8.30 horas / saída ata as 14.30 horas)
- Campacoles: de 10.00 a 14.00 horas (madrugadores dende as 8.30 horas / comedor ata as 15.30 horas)
- Campamentos de día con comida e transporte: de 10.00 a 18.00 horas
- Escola de Verán da OMIC: de 9.00 a 14.00 horas (entrada ás 7.50 horas / saída ata as 15.00 horas)
- Campamentos deportivos e de Xuventude: de 9.00 a 14.00 horas (entrada dende as 8.30 horas)
- Campamentos con pernocta: xornada completa de 24 horas
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou que “esta programación de campamentos de verán reflicte a nosa aposta decidida pola conciliación e pola inclusión. Queremos ofrecer ás familias recursos que lles permitan conciliar durante as vacacións escolares ao tempo que garantimos a participación de todos os nenos e nenas, independentemente das súas necesidades, nun verán de aprendizaxe e lecer de calidade”.
Rey lembrou tamén que a organización da campaña é resultado da colaboración entre varias áreas municipais, como Benestar Social, Participación e Igualdade, Educación, Deportes, Cultura, a Oficina Municipal de Información ao Consumidor e o Instituto Municipal Coruña Espectáculos. O prazo de preinscrición será o 13, 14 e 15 de maio.