A Coruña acollerá unha das principais conferencias internacionais sobre valorización de residuos e biomasa

ACoruñaXa
Unha cita internacional na Universidade da Coruña que reúne en cada edición arredor de 400 especialistas de todo o mundo
A estatua de María Pita na plaza do Concello da Coruña
21 Jul 2025

A Universidade da Coruña será a sede da 11ª edición da International Conference on Engineering for Waste and Biomass Valorisation (Conferencia Internacional de Enxeñaría para a Valorización de Residuos e Biomasa), que se celebrará entre o 7 e o 10 de xullo de 2026. A organización do evento recae nos catedráticos de Enxeñaría Química da UDC e investigadores do grupo BIOENGIN (Bioenxeñaría Ambiental e Control de Calidade), Mari Carmen Veiga e Christian Kennes, xunto ao profesor Juan Joaquín Suárez López, investigador do grupo GEAMA (Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente).

Trátase dunha cita de carácter bianual e recoñecemento internacional, que reúne en cada edición arredor de 400 especialistas de todo o mundo para abordar os avances no tratamento, aproveitamento e valorización de residuos, biomasa e gases de efecto invernadoiro. A conferencia abordará múltiples bloques temáticos, como a xestión de recursos e materias primas, a circularidade dos residuos da minería urbana, a cadea de valor do biocarbón, o tratamento de residuos plásticos e químicos ou o almacenamento de enerxía.

Entre os relatores confirmados figuran nomes de gran prestixio na comunidade científica internacional, como Solange I. Mussatto (Technical University of Denmark), Clara Santato (Polytechnique Montreal, Canadá), Johannes Lehmann (Cornell University, EE.UU.) e Donald L. Smith (McGill University, Canadá).

A edición de 2026 recolle o relevo de sedes anteriores como Sendai (Xapón) en 2024 e Copenhague (Dinamarca) en 2022. O evento forma parte da prestixiosa serie WasteEng Conference Series e conta, entre as entidades organizadoras, coa Universidade da Coruña, a escola francesa IMT Mines Albi, a editorial académica Springer Nature, o Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS) —principal organismo público de investigación científica en Francia—, así como as universidades estadounidenses de Princeton e Columbia.

O prazo para o envío de abstracts permanecerá aberto ata o mes de outubro, ao tempo que xa está dispoñible a inscrición para os diferentes colectivos interesados en participar nun encontro que promete situar A Coruña no centro da investigación ambiental internacional.

⚙ Configurar cookies
0.20121598243713