A Coruña acollerá tres veladas de boxeo antes de rematar 2025

ACoruñaXa
A cidade será escenario de combates amateurs, neoprofesionais e profesionais, con presenza de boxeadores locais e de fóra da comunidad
A CORUÑA boxeo
5 Nov 2025

A Coruña converterase nas vindeiras semanas nun dos principais focos galegos para a práctica do boxeo, cunha serie de tres destacadas veladas que se celebrarán antes de que remate o ano 2025. Estes eventos, que reunirán a deportistas de toda Galicia e outras comunidades, reforzan o compromiso do Concello coa promoción do deporte e co apoio ao talento local.

A primeira cita terá lugar os días 15 e 16 de novembro, organizada pola Federación Galega de Boxeo en colaboración co ximnasio Fight Factory. Esta velada incluirá o Open de Boxeo Cidade da Coruña 2025, nas categorías júnior, xuvenil, élite e profesional, así como o Campionato Galego de Boxeo en Idade Escolar, cun enfoque formativo e de promoción do boxeo entre a mocidade.

A segunda velada será o venres 29 de novembro, a partir das 19:00 horas, no rocódromo municipal da Coruña, organizada polo club Azteka Box. Esta cita contará con dez combates amateurs, tres combates neoprofesionais e un combate profesional, con participación de deportistas da Coruña, Noia, Compostela, Vigo, Padrón, Pontevedra, Gijón e Madrid.

A terceira e última velada do ano terá lugar o venres 12 de decembro, ás 19:00 horas, no centro Egeo CrossBoxing no polígono de Pocomaco. Este evento incluirá seis combates amateurs e dois combates neoprofesionais, destacando o Campionato Galego Neo‐Profesional na categoría de -75 kg. A maioría dos participantes serán da cidade da Coruña, con representación tanto masculina como feminina.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou que "A Coruña aposta polo deporte, tamén polo boxeo, unha disciplina en auxe que transmite valores como a disciplina, o esforzo e o respecto. Estas veladas representan unha oportunidade para dar visibilidade aos nosos deportistas e ofrecer á cidadanía espectáculos deportivos de primeiro nivel". Vázquez tamén subliñou que "este tipo de iniciativas contribúen a achegar o deporte á cidadanía e poñer en valor o talento local".

⚙ Configurar cookies
0.072410106658936