A Coruña acollerá o evento 'Coruña Comunica Ciencia' a próxima semana no Teatro Colón

ACoruñaXa
Entre o 13 e o 15 de novembro, o evento achegará a divulgación científica a todos os públicos cunha variada programación que incluirá charlas, teatro, cine e música
Presentación 'Coruña Comunica Ciencia'
6 Nov 2024

O Teatro Colón será o escenario do evento Coruña Comunica Ciencia entre os días 13, 14 e 15 de novembro, coincidindo coa Semana da Ciencia. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou esta mañá o evento, que contará coa participación de recoñecidos divulgadores científicos e explorará novos formatos de comunicación. Este evento está organizado pola entidade Ceo Aberto, co apoio do Concello da Coruña e a colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía.

Gonzalo Castro explicou que o obxectivo do evento é seguir impulsando o coñecemento científico na cidade e engadiu que “A Coruña aposta por estar á vangarda na difusión do coñecemento”. Durante os tres días, haberá actividades para escolares en horario de mañá e sesións para o público familiar e adulto polas tardes e noites.

As entradas teñen un custo de 2,95 euros e xa están á venda. A programación inclúe diferentes bloques de actividades:

Programación completa:

Mañás: Actividades para escolares

  • Mércores: Charla de ciberseguridade con Kike Fontán, quen abordará os riscos no mundo dixital.
  • Xoves: Charla sobre cine e ciencia coa proxección do filme “Elemental” de Pixar, seguida dunha exposición a cargo de Patricia Barciela, directora de Domus.
  • Venres: Espectáculo de ciencia sobre mulleres científicas na historia, con Iria Oleiro e David Ballesteros.

Tardes:

  • Mércores: Espectáculo teatral “Halley” e intervención artística de Estíbaliz Espinosa, cantante e poetisa.
  • Xoves: Microcharlas con neurocientíficos como Xurxo Mariño e Castro Rivadulla, ademais das divulgadoras Laura Veiga e Deborah Ciencia.
  • Venres: Gravación en directo do programa de radio “Efervescencia” e charla de José Luis Crespo, creador de Quantum Fracture.

Noites:

  • Mércores: Presentación de “SensoGenoma”, a cargo do Dr. Antonio Salas, cun acompañamento musical, e obra teatral “A chispa máxica”.
  • Xoves: Charla de arqueoloxía con Xurxo Ayán e un diálogo sobre sexualidade coa sexóloga Laura Morán e a periodista Eva Vázquez.
  • Venres: Concerto de Germán Díaz e Benxamín Otero, coa súa obra “Fonematología”.
0.19655513763428