A Coruña acollerá o 4 e 5 de febreiro o cumio internacional REAIM sobre o uso responsable da IA no ámbito militar

ACoruñaXa
O encontro celebrarase en Palexco e reunirá 25 delegacións e máis de 600 congresistas
DEPU CORUÑA reaim
20 Jan 2026

A Coruña converterase os días 4 e 5 de febreiro no epicentro do debate internacional arredor da intelixencia artificial aplicada á defensa coa celebración do III Cumio REAIM 2026 (Uso Responsable da Intelixencia Artificial no Ámbito Militar). A cita terá lugar no Palexco e está impulsada polo Goberno de España, coa participación de distintos departamentos ministeriais e a colaboración institucional local.

A presentación oficial desenvolveuse este luns no Pazo da Capitanía, cun acto no que interviñeron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce, o director xeral do CESTIC, o tenente xeral José María Millán Martínez, e o primeiro tenente de alcaldesa da Coruña, José Manuel Lage Tuñas. Formoso puxo o foco na necesidade de avanzar nunha gobernanza compartida e con maior supervisión humana, insistindo en reforzar controis e espazos de reflexión ante o salto tecnolóxico que supón a IA.

No plano económico, o presidente provincial defendeu o papel da defensa como motor industrial e de emprego, ao asegurar que o 21% do emprego industrial da provincia depende xa deste sector, ligado a grandes contratos no naval militar e a proxectos empresariais vinculados á cadea de subministración.

Pola súa banda, Valcarce avanzou que o cumio reunirá representantes de polo menos 25 delegacións internacionais e a máis de 600 congresistas e persoas expertas. Segundo explicou, a programación abordará cuestións como o marco de gobernanza e as aplicacións da IA no ámbito militar, co obxectivo de pechar o encontro cun documento final avalado polos países participantes.

A elección da Coruña encaixa tamén co ecosistema tecnolóxico que medra arredor da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) e da Cidade das TIC, chamadas a reforzar o papel da cidade como polo de innovación e supervisión ética da IA.

⚙ Configurar cookies
0.076438188552856