A Coruña acollerá este xullo en María Pita unha mostra do pintor Cheché Martín

ACoruñaXa
“É case imposible abranguer a cantidade de dimensións nas que se moveu, talvez só poidamos facelo definíndoo como un home de mundo, un mundo cuxa capital era A Coruña”, sinalou a alcaldesa
Imaxe da presentación da mostra do pintor Cheché Martín na Coruña
25 Apr 2024

Este xoves presentouse na Coruña o catálogo da mostra ‘Cheché Martín. A vida nun trazo’, que acollerá a Sala de Exposicións do Pazo Municipal de María Pita do 20 de xuño ao 28 de xullo.

Neste sentido, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá o catálogo da mostra. Xunto á rexedora estiveron, o comisario da mostra e autor do catálogo, Rubén Ventureira, e familiares de Cheché Martín, entre eles a súa filla Marita Carmona, que interveu no acto, celebrado hoxe coincidindo coa celebración dos cen anos do nacemento do artista.

“É case imposible abranguer a cantidade de dimensións nas que se moveu, talvez só poidamos facelo definíndoo como un home de mundo, un mundo cuxa capital era A Coruña”, sinalou Inés Rey durante a súa intervención. A mostra afondará na figura do pintor do coruñés, tamén coñecido por ser un xogador do Deportivo e outros equipos e adestrador emblemático do club coruñés. A exposición das súas pinturas enmárcase no centenario do nacemento do artista.

A través de máis de 130 páxinas, o catálogo da mostra ‘Cheché Martín. A vida nun trazo’ repasa as súas diferentes facetas, a artística, a futbolística e a de exiliado. “As mellores sensibilidades que fixeron da Coruña a gran cidade que foi e que segue sendo resultan fáciles de identificar no diverso percorrido persoal de Cheché Martín, a quen podemos considerar un aglutinador da nosa personalidade urbana, da nosa riqueza social”, indicou a alcaldesa durante a súa intervención.

A rexedora agradeceu o traballo de investigación de Rubén Ventureira e Marita Carmona acerca da figura artística de Cheché Martín, a máis descoñecida ata o de agora, e a xenerosidade da familia por ceder as súas obras e diferentes documentos para a ocasión. A exposición estrutúrase en cinco partes: os seus inicios en América, os artistas europeos como froito de inspiración, o seu retorno a América, o regreso a España e os seus últimos anos.

A alcaldesa animou a toda a cidadanía a acudir a partir do vindeiro 20 de xuño a ver esta exposición e coñecer máis a figura de Cheché Martín a través do catálogo, que conta con textos do propio Rubén Ventureira, Marita Carmona, Arturo Lezcano, Carlos Fernández, Luis Caruncho e Miguel González Garcés.

0.1451678276062