A Coruña acollerá este 3 de febreiro a protesta de CCOO en CaixaBank para reclamar melloras laborais

CCOO en CaixaBank convoca para este martes, 3 de febreiro, concentracións diante de oficinas da entidade en toda España para esixir cambios nas condicións laborais do cadro de persoal. En Galicia, a mobilización centralizarase na Coruña, ás 12.00 horas, na sucursal situada na rúa Corcubión, 21, segundo o comunicado difundido pola organización sindical.
O sindicato denuncia que, malia os bos resultados económicos anunciados polo banco, a situación interna ‘empeora’: máis obxectivos para 2026, máis presión comercial e máis esixencias, sen que iso se traduza nunha mellora equivalente de salarios nin de incentivos.
A convocatoria chega poucos días despois de que a entidade comunicase un novo máximo de beneficio neto ao peche de 2025 (5.891 millóns de euros, un 1,8% máis), e de que anunciase unha suba do dividendo arredor do 15%, datos que CCOO contrapón coa ‘falta de recoñecemento’ á plantilla.
Entre as principais reivindicacións, CCOO reclama abrir de inmediato unha mesa de diálogo para abordar o sistema de retribución variable, a creación dunha paga ligada a beneficios e medidas ‘reais’ para mellorar o clima laboral. A organización prevé a participación de centos de delegados e delegadas nas accións previstas para mañá.
A convocatoria esténdese tamén a puntos como Barcelona, Madrid, Sevilla, Granada, Valencia, Murcia, Pamplona, Toledo, Tenerife e Burgos, con protestas programadas igualmente ás 12.00 horas.